Opinión

Os demos internos do Celta

Os pecados do Celta resúmense nun: subir ao alto do monte do Castro a berrar así, sen vergonza ningunha, que eramos, máis ou menos, os amos do universo.

Os pecados do Celta resúmense nun: subir ao alto do monte do Castro a berrar así, sen vergonza ningunha, que eramos, máis ou menos, os amos do universo. E, por se non quedara ben claro, fomos a Barcelona “en compló”, como dicíndolle a luis Enrique que, mira, “foches dar a un club que está ben pero que nin capaz é de gañarnos”. E así, noventa minutos despois e cunha perigosísima vitoria debaixo do brazo chegamos a Vigo co ego subido e a humildade de vacacións. Basicamente todo o que veu despois foi un querer e non poder. Canto máis desesperación había no terreo de xogo, menos cousas saían e máis chíos se escoitaban nas bancadas. Os culpables? Berrizo? A defensa? Os árbitros? Os dianteiros? A afección? Quedou alguén sen recibir a sua dose de culpabiblidade? Pois todos e ningún. Ou mellor dito, todos menos os 'Balaidistas rancios', que eses xa sabían antes que ninguén que todos eramos malísimos até que se demostrase o contrario.

O peor de todo o que nos ten pasado estas semanas foi escoitar a afección de Balaídos apupar desaforadamente os xogadores da casa, os nosos!

O peor de todo o que nos ten pasado estas semanas foi escoitar a afección de Balaídos apupar desaforadamente os xogadores da casa, os nosos! Certo que o partido contra o Athletic de Bilbao foi un horror por parte dos dous equipos, pero non é esta a afección que pide ver a xogadores da canteira debutando en Balaídos? Non somos nós os que pedimos máis oportunidades para os da casa? Entón, como é o conto? Queremos xogadores da canteira pero só para que xoguen bonito e gañen partidos. O problema é que o ego subido non o teñen os xogadores, está nunha meirande parte da afección que, levada pola ilusión, esqueceu, esquecemos, nuns minutos que o Celta aínda ten que mirar moito tempo á parte baixa da clasificación antes de mirar definitivamente cara arriba. E non porque sexamos peor equipo que o Eibar, senón porque o xogo que propoñemos, e que defendo e defenderei sempre, así o require. O Celta arríscase e iso moitas veces na Primeira División é unha condena.

O sábado fronte ao Valencia moitos dos demos internos que tiñamos marcharon de paseo (esperemos que para non voltar). Só un gol fixo que o equipo recuperara as boas sensacións. Que respirara. Seis partidos de castigo serviron dabondo para entender, como ben dixo Nolito ao final o encontro que “nin antes eramos tan bos nin agora somos tan malos”.

P.D: Por certo, que esta pequena contribución ao 'celtismo' escríbese porque hai unha cousa que se chama liberdade de expresión. E iso, amigos todos, é un dereito que, como dixo esta semana o xornalista francés Guy Sitbon, do semanario Marianne, é “como o dereito a respirar”, ninguén ten dereito a quitarcho. #JeSuisCharlietoujours

Comentarios