Opinión

O dedo de Berizzo somos todos

Ai, ese dedo. Tan firme, tan convencido, tan furtivo. 

Ai, ese dedo. Tan firme, tan convencido, tan furtivo. Ese dedo tan arxentino, tan catártico, que máis que un dedo é unha representación poética da desesperación. Ese dedo, que son moitos dedos, que é básicamente unha representación da angustia e da impotencia que leva un enriba  cando semana tras semana ve ao equipo afundir sen remedio nun pozo escuro de máis. Ese dedo máxico de Berizzo concentrou nun momento toda a forza do universo e, como levado por un poder superior, saiu ao campo a loitar polos tres puntos como se lle fora a vida niso. Riete ti Miguel Anxo do dedo creador de Adan. En Balaídos non se creou nada, pero a piques estivemos do haraquiri colectivo.

Berizzo eramos todos, porque non quedou un só afeccionado nas bancadas que non saltase con el ao campo, que non lle fixera ver ao árbitro que, por se non se enterara, o linier non dicía nada dun penalti. A sensación do que se viviu no campo é bastante lastimosa e ata patética. Un espectáculo bochornoso dun árbitro que primeiro non lle fai caso ao linear, despois pita penalti, logo di que non é penalti e acaba voltando ao comezo da historia pitando falta a favor do Celta. E nin Celta nin Córdoba andan sobrados de puntos como para vivir un episodio deste tipo. Cos nervios a flor de pel a situación foi máis lamentable que outra cousa. E pregúntome eu, os árbitros non teñen que estar sobradamente preparados para xestionar situacións de este tipo? Vese que non.

A escena recordoume aos mellores momentos dos Menotti, Bilardo, Bielsa..., eses 'poétas' que encarnan como ninguén como se vive o fútbol no país 'Che'. E Berizzo, no fondo, deixouse levar o sábado por esa paixón futbolística arxentina que te atrapa e che fai actuar nunha realidade paralela lonxe dos parámetros que todos consideramos 'normais'. Ese dedo non era un dedo normal, era o de un arxentino nun terreo de xogo defendendo con pundonor e sen vergonza ningunha ao seu equipo. E topouse de fronte coa realidade. E expulsaronno. Xustamente. Pero o árbitro non pitou penalti. E nunca saberemos se ese dedo salvador foi o que conseguiu que os tres puntos quedaran en Vigo. Tres puntos que valen por mil polo desafogo liberador que tod@s sentimos cando o árbitro asubiou o final do partido. Se Cézanne foi quen de impresionar París cunha mazá, que non se poderá facer cun dedo...

Comentarios