Opinión

Crer a pesar das vaidades

Moito se ten falado nas últimas horas de árbitros, penaltis e inxustizas varias. E demasiado pouco do bo partido do Celta fronte ao Valencia, da súa progresión ascendente e dos síntomas positivos que o equipo deixou no encontro. O protagonismo final tívoo un árbitro máis centrado en alimentar o seu ego persoal que en repartir xustiza proporcionalmente.

A realidade do partido non imaxinaba un final así. A derrota deixa o equipo sen un premio merecido, o empate tería reflectido á perfección un partido de dúas metades. O Valencia foi mellor, claramente, na primeira, comezou o encontro enchufado e buscando o gol desde a primeira xogada. O Celta volveu adolecer de falta de intensidade sen e con balón e, en defensa, a pesar da mellora grupal, volve faltar concentración en moitas xogadas, como sucedeu no gol. Non reaccionou o Celta coa suficiente claridade para pór o Valencia en problemas e aínda tendo o balón e a iniciativa, chegou ao descanso en inferioridade, non só no marcador senón tamén futbolística.

Pero, se algo ten amosado o Celta esta tempada é que, en xeral, cando está detrás no marcador é un equipo quen de reaccionar decidido na procura de goles, con maior ou menor sorte. E a reacción chegou co asubío inicial na segunda metade. Case sen darlle tempo ao Valencia a pensar, o equipo trenzou un ataque que Aspas finalizou en gol. De novo Aspas, o home gol do Celta. Probablemente o xogador máis en forma do equipo neste momento. E así, liderados por Aspas e despois do gol, o Celta deixou o Valencia fóra de xogo, rompeulle os esquemas e nunca voltaron os locais a amosar a imaxe da primeira metade. O Celta controlaba o partido sen maiores problemas, pero sen crear claras ocasións de gol. Até que chegou a acción chave do encontro. Penalti. E a partir de aí nada pasou. Transcorreron os minutos até o final co Celta anulado e o Valencia encantado cos tres puntos no peto.

Foi un partido intenso, si, de moviola continua, tamén, pero limpo nos contactos individuais. Eu son da opinión de que o penalti non está mal sinalado, aí falla o Tucu, esa acción non era necesaria nin polas circunstancias do partido nin pola perigosidade da acción en sí. O (moi) criticable da decisión arbitral é a falta de proporcionalidade. Por que esa si e outras accións similares, non. Houbo no partido máis caídas dentro das áreas, das dúas, accións máis meritorias de ser chamadas penalti e quizáis o sinalado, como alguén comentou despois do encontro, foi o menos penalti de todos. O árbitro quixo ser o protagonista nun partido non chamado para selo e o Celta pagouno. De novo. Comeza a ser xa recurrente a presenza da cor celeste na festa das vaidades de Munuera Montero.

Eu son da opinión de que o penalti non está mal sinalado, aí falla o Tucu.  O (moi) criticable da decisión arbitral é a falta de proporcionalidade

 

A derrota doe, máis por como se produciu que, como digo, polo xogo do equipo. Sen tempo para pensar demasiado en árbitros chega a Vigo o Villarreal, sexto na clasificación e só tres puntos por diante. E este si que é un partido vital para certificar a recuperación do equipo e estudar as súas aspiracións reais. Sen Mallo nin Aspas, por obra e graza de Munuera, o equipo debe saber responder as adversidades co caracter e a intensidade que amosou contra o Barcelona e o Valencia.