Opinión

Clímax celeste

Sufrimentos á parte, a sensación que lle queda á meirande parte da parroquia celeste tras o partido fronte ao Valencia...

 

Sufrimentos á parte, a sensación que lle queda á meirande parte da parroquia celeste tras o partido fronte ao Valencia é que o Celta está bastante preto de ser o equipo ideal que todos agardamos e que incesantemente busca Luis Enrique. Malia a un comezo titubeante, o Celta amosou na segunda metade un salto de madurez que lle permitiu sobrepoñerse a unha situación adversa que moito recordaba a pasados enfrontamentos.

Luis Enrique finalmente confioulle a Álex López, Oubiña, Augusto e Rafinha o traballo de acompañar a Charles no ataque celeste.

Na primeira parte vironse por igual versións do mellor Celta, nas botas de Orellana e Rafinha fundamentalmente, e do peor, con fallos en defensa que son regalos para os dianteiros rivais. O gol do Valencia deixou ao equipo descolocado e tocado moralmente, obligando aos celestes a vogar de novo contra a corrente. Pero lonxe de se deixar pisar, desta volta o equipo loitou até atopar de novo o seu xogo, e co balón nos pés volveu xerar ocasión e perigo na área rival. A segunda metade foi unha continuación dos bos minutos finais da primeira parte, e coa chegada dos goles de Charles o equipo viu recompensado o bo traballo feito.

Once ideal

O cumio deste Celta probablemente parécese ao visto nesa segunda metade na que os de Luis Enrique fixérono case todo ben e apenas cederon o balón. O equipo que se viu no terreo de xogo non debería de ter problemas para se manter na primeira división e amosou claramente que cando quere poder darlle a volta ás situacións adversas. Despois dos experimentos de semanas pasadas, semella que Luis Enrique deu, por fin, co seu once ideal. O Celta visto fronte ao Valencia foi case unha copia do que xogou contra o Real Madrid, o único cambio foi a entrada de Fontás por David Costas no centro da defensa. Parece claro tamén que a banda esquerda está adxudicada a Jonny que, co bo xogo amosado nos últimos encontros, deixa a Toni e Aurtenetxe sen moitas opcións. Así, cun ataque dirixido desde o centro do campo por Oubiña, Luis Enrique finalmente confioulle a Alex López, Oubiña, Augusto e Rafinha o traballo de acompañar a Charles no ataque celeste.

Pero, como sen sufrir non semella haber ledicia, despois dos bos minutos do equipo e das boas sensacións, chegou o sufrimento de rigor sen o que Balaídos non sería Balaídos e sen o que os afeccionados do Celta non seríamos afeccionados do Celta.

Comentarios