Opinión

Chuvia curadora

Que chova é sempre positivo. Que chova en Vigo é necesario. E ver chover sobre Balaídos durante os 90 minutos do partido contra o Leganés o pasado venres tivo algo de beleza poética. A auga, sempre fonte que sanda e cura trouxo de volta o mellor Celta. O resultado, por curto, non debe esconder o bon partido do equipo.

Falaba Unzué nas horas previas ao encontro de que o Leganés era até o de agora o rival máis difícil que o equipo tivera que enfrentar en Balaídos. Unha vez extraída a compoñente pseudo vitimista das verbas do adestrador, o certo é que razón non lle faltaba para o necesario toque de atención. E o Celta sábeo ben. A pasada tempada, na súa estrea en Primeira división os 'pepineros' deixaron a afección e xogadores con cara de circunstancias nun partido en que o Celta pecou (moito) de exceso de confianza e fixo algo que (case) sempre se volve en contra dos equipos, infravalorar as capacidades reais do rival. E Unzué, sabedor diso, acendeu todas as alarmas posibles antes do partido, polo que puidese pasar. E o que pasou é que o Celta si aprendeu a lección e desde o primeiro minuto saíu concenrado no encontro, tendo a iniciativa que se lle supón e tecendo as únicas xogadas de ataque do partido. O gol, porén, non chegou nunha gran xogada colectiva, senón nun penalti claro abondo para sinalalo que Iago Aspas non fallou. Gol real e legal, elemento fundamental para gañar partidos.

Unzué acendeu todas as alarmas posibles antes do partido polo que puidese pasar

 

A partir de aí, nos minutos finais da primeira metade e fundamentalmente na segunda parte, o Celta foi o dono do encontro. Creou perigo suficiente para ser merecedor dalgún gol máis, pero esa auga 'curadora' evitou que o Celta concretase mellor as accións ofensivas. Demasiados erros individuais, demasiados balóns longos e demasiada rapidez nun céspede que desta volta si estivo á altura da chuvia caída. En definitiva, e esta historia xa coñecen ben por Balaídos, o equipo perdoou e, coma sempre o de sempre, acabou sufrindo. O empate do Leganes nos minutos finais do encontro tería sido tan real como inxusto, de chegar a materializarse. As verbas do capitán Hugo Mallo posteriores ao encontro foron un bon tirón de orellas colectivo ao equipo "xogando na casa, coas ocasións que temos, hai que matar o partido si ou si, non podemos correr estes riscos”.

Toda a concentración que si existiu na maior parte do encontro desapareceu nos minutos finais, xusto cando o Leganés, sabedor do cansancio do equipo, pisou o acelerador nunha fuxida desesperada cara á área rival que a piques estivo de rematar cun gol. O gol do Leganés non chegou e o Celta consegue 3 puntos vitais para seguir mirando cara arriba xusto antes do importante partido contra o Barça o vindeiro sábado en Barcelona. 

P.D. Esa chuvia ininterrumpida foi o fío condutor perfecto para facerlle chegar a Berizzo o únanime berro de forza e cariño da bancada de Balaídos, desta volta terá que poñer en práctica iso que tanto berramos ao unísono a tempada pasada: afouteza. Moita afouteza míster.  

Comentarios