Opinión

Chamémoslle fútbol de precisión, ou simplemente Celta

O sol e a calor que o domingo pola mañán en Sevilla ameazaban por derreter até o máis ousado dos sevillanos


O sol e a calor que o domingo pola mañán en Sevilla ameazaban por derreter até o máis ousado dos sevillanos foi o 'engraxante' perfecto para poñer a funcionar a máquina de precisión que foi o Celta na primeira metade o encontro. Se no fútbol a máxima é conseguir a beleza co toque de balón e un xogo na que todas as pezas encaixen á perfección, o Celta o domingo deu unha lección maxistral sobre o terreo de xogo. Non só amosou o que é 'xogo bonito', senon que xogou un fútbol preciosista no referido á eficacia, á presión e ao xogo en equipo, no que ningún xogador sobra e no que cada un é necesario, con e sen balón.

A segunda metade foi outra historia pero a mesma idea. Xogar e sofrer sen conceder fallos. É dicir, poñer o 'mono' de obra para traballar arreo co obxectivo de que todas as pezas que si funcionaron a perfección non acaben o encontro chirriando e oxidadas. Para mín, polo rival que tiña en fronte e polas condicións meteorolóxicas que rodearon o encontro, o Celta, con 'xogo bonito' e con sufrimento, fixo un partido case perfecto.

"Se no fútbol a máxima é conseguir a beleza co toque de balón e un xogo na que todas as pezas encaixen á perfección, o Celta o domingo deu unha lección maxistral sobre o terreo de xogo"

Agora ben, a pregunta é sinxela e inevitable, é este Celta unha anécdota ou realmente é un firme candidato a estar (e loitar) nos primeiros postos da clasificación? A resposta está precisamente na casa, no 'comandante' da máquina. Do “partido a partido” de Diego Simeone, outro arxentino, Eduardo Berizzo, fixo unha adaptación perfecta ás necesidades do Celta. “O Celta xoga 38 ligas dun partido cada sete días e intentamos gañarlle ao que este diante, se chame como se chame”. Sinxelo. “Creo que somos capaces de xogar un fútbol que lle pode gañar a calquer equipo da liga”. Ten sentido, pero, sempre hai un 'pero', “temos que pensar todos no mesmo, xogar colectivamente, esforzarse e presionar”. Segundo Berizzo, esa é a chave e a resposta a todos os que aínda non tomaron en serio a este Celta chamado a xogar na 'outra liga', na dos que miran cara arriba.

Polo visto o domingo semella difícil que o Celta, sempre que as lesións o respecten, poida non loitar de 'ti a ti' con cada un dos equipo da liga. Semella díficil pero, á vez, un reto tan complicado como ilusionante ver até onde pode chegar este Celta cheo de boas intencións e de xogadas bonitas. O mércores, fronte ao Barcelona, o Celta ten o escenario perfecto para amosar, que ademais de todas as boas intencións, tamén lle pode dar leccións do fútbol ao alumno máis aventaxado da Liga.

Comentarios