Opinión

O céspede salvaxe de Balaídos e o camiño da salvación

O sábado o Celta fíxoo todo ben. Ben, case todo. 

O sábado o Celta fíxoo todo ben. Ben, case todo. Ese cabezazo de Mathieu supuxo un gol que case era esperable nos últimos minutos dun encontro no que o Celta deixou no campo todo o que tiña. Berizzo e a afección debe estar orgullosos do traballo do equipo porque en ningún momento se deu por vencido e que foi quen de mandar o Barça cara atrás e conformarse con contraatacar. Anulou xogadores como Neymar ou Messi e conseguiu en moitos tramos do partido poñer o Barcelona en serios apuros. Ao final a lóxica futbolística e o corpulento Mathieu impuxéronse na volta de Rafinha e Luis Enrique a Balaídos. Unha volta que amosou que o Celta si é un equipo capaz de xogarlle de “ti a ti” a calquera e que o Barcelona non é tan fero como o pintan cando alguén se atreve a quitarlle o balón.

O Celta amosou que o Barça non é tan fero como o pintan cando alguén se atreve a quitarlle o balón

Até aquí todo ben, todo dentro do normal. Pero agora entramos na intrahistoria do partido, na contracrónica. Entramos no momento no que un xogador como Orellana, até ese momento un dos mellores, pasará á historia do partido como o primeiro xogador que é expulsado por botarlle un pedazo de céspede ao rival á cara. Así, a lo loco. A anécdota podería ser até simpática pero non o é polo feito de que o chileno deixou o equipo cun xogador menos a pouco do final e cando o Celta estaba volcado buscando o empate. Unha arroutada provocada polas gañas de Busquets de perder tempo e levar o cartón amarelo para a casa. Reclamada por Luis Enrique desde a banda nun exercicio de pouca deportividade. Orellana no fondo pensaba o que pensamos moitos, que Busquets ten un conto enriba que non pode con el pero hai xeitos e xeitos. E ao final quen perde os papeis e o que leva todas as de perder. E o Celta presentarase en Granada este mércores 8 de abril ante Resino sen dúas pezas chave do equipo, o propio Orellana e Krhon Dehli.

Mércores, Granada

Despois da paréntese barcelonista, volta a nosa liga este mércores ante o Granada. Partido moi trampa para o Celta. O Granada necesita xa puntuar para non meterse de todo en problemas, pero, cal é a motivación do Celta? Cara onde camiña o Celta neste tempo final da tempada? Con tres puntos máis a virtualidade da salvación será un feito pero non todos os equipos son igual de motivantes que o Barcelona. O Celta pode caer no erro de non xogar coa mesma intensidade amparado na case segura salvación. Entendo que Berizzo é consciente desta situación e que os xogadores e a afección deben empurrar para que o equipo afronte as últimas xornadas co obxectivo de chegar o máis arriba posible na taboa. Para salvarse matemáticamente e para que, no caso de que se abrasen as posibilidades de xogar en Europa a próxima tempada, sexamos os primeros á cola. Este equipo merece máis, merece o mellor posto posible na taboa e merece acabar a tempada loitando até o último punto.

Comentarios