Opinión

Celtismo polo mundo adiante: Iakarta

O sábado á hora do partido do Celta contra o Sevilla, estaba recén aterrada na illa de Xava

O sábado á hora do partido do Celta contra o Sevilla, estaba recén aterrada na illa de Xava, a principal das illas da mega poboada Indonesia -250 millóns de habitantes- e o último no que pensaba despois de case 25 horas de viaxe, escalas incluídas, era no fútbol. Non sabía moi ben en que hora estaba a vivir pero a realidade deste mundo hiper globalizado xa se ía encargar de facermo saber.

Unha chega a Iakarta, capital de Indonesia, coa excitación propia de quen chega a un país cunha cultura ben diferente á nosa. O apaixoante de viaxar é ser quen de abrir a mente e deixarse de prexuízos absurdos. Ser quen de deixar na casa o noso para mimetizarse co deles. Nada máis entrar na zona de alfándegas do aeroporto, o primeiro que viron os meus ollos foi unha pantalla, a que non adiviñan con que?

Pois si, coa liga de primeira división. O resumo do Athletic-Elx da semana pasada nun programa chamado "La Liga live". Así que a realidad xa se encargou de facerme ver a hora na que vivía, que a vida futbolística seguía alá arriba na vella Europa e que ao final os horarios tolos do señor Tebas servían para algo.

O certo é que Iakarta está absolutamente 'contaminada' polo fútbol europeo. Ao chegar ao hotel a mesma película. As pantallas co mesmo programa de La Liga, desta volta coa previa do Espanyol-Barça.

É unha alegría quedar durmida con 33 puntos e espertar con tres puntos máis cando xa daba por bo o empate

Despois botaron o partido e de seguido o Celta-Sevilla. Unha pequena alegría porque a esas horas da noite (00:00 hora local) xa non contaba con velo. O pouco que vin antes de verme vencida polo sono foi do meu agrado. Sempre gosto de ver xogando xuntos a Krohn Delhi e a Rafinha, creo que o dinamarqués mellora cando está o fillo de Mazinho no campo. E sempre é unha alegría quedar durmida con 33 puntos e espertar con tres puntos máis cando xa daba por bo o empate.

A realidad futbolística jakartí está dominada na rúa polos rapaces, e non tan rapaces, levando as camisolas do Barça maioritariamente, aínda que tamén se ven do Real Madrid e mesmo do Atlético. Os equipos ingleses e italianos non quedan atrás ,pero os alemáns apenas aparecen no top ten dos máis vistos. O Celta non semella estar presente na indumentaria, pero si na xente. Así nolo fixo saber un local apaixoado pola Liga que nos confesou que efectivamente coñecía ao "Selta Vigo"... e ao Athletic, e ao Atlético... Pero el, ainda que é do Real Madrid e de Cristiano Ronaldo, prefire o xogo 'bonito' do Barça.

Pero nesta cidade de contrastes, o fútbol tamén adquire unha dimensión máis dura e realista. Mentres nas rúas das zonas máis humildes e populosas da cidade, os nenos corren detrás dun balón imitando os seus ídolos, á volta da esquina, un deses ídolos, Cristiano Ronaldo, é a imaxe dunha conocida cadea americana de restaurantes de comida rápida que ten ao polo como protagonista. Mellor non contarlle a eses nenos os coches que ten o portugués gardados no garaxe.

Comentarios