Opinión

O Celta e o 'Tucu' reivindícanse

A Pablo Hernandez moitos afeccionados do Celta xa o condenaron antes incluso de comenzar a tempada.


A Pablo Hernandez moitos afeccionados do Celta xa o condenaron antes incluso de comenzar a tempada. Que se non era xogador para ser titular, que se era malo, que se non se adaptaba ao equipo, que mimadriña canto imos botar de menos a Krhon Dehli… En parte, o problema é que Pablo Hernandez chegou a Vigo con dúas cousas na súa contra: ter detrás a unha prensa 'sobre excitada' e levar enriba a etiqueta de ser o ‘protexido’ de Berizzo. Supostamente protexidos tamén chegaron, por certo, xogadores como Fontàs ou Nolito pero aínda estou esperando o primeiro asubío cando Nolito andaba polo terreo de xogo sen ideas e sen ganas. Como digo, os piropos da prensa chilena que vían nel ao próximo mesías do futbol chileno non lle fixeron ningún ben na súa chegada ao fútbol europeo. Xeraron sen pretendelo unhas expectativas innecesarias que foron dar na frustración da afección e do propio xogador. Hernández tivo que loitar desde o minuto cero contra a negativa esaxerada dunha parte das bancadas de Balaídos. Certo que, coa excepción do fantástico gol contra o Atlético de Madrid, a súa folla ao final da pasada tempada foi bastante pobre, sobre todo, no seu aporte ao equipo, especialmente perdido aparecía cando non tiña o balón nos pés.

O 'Tucu' comezou xogando nos primeiros partidos da tempada pasada pero ese mal rendemento sentouno definitivamente no banquiño. E comezou o seu calvario en forma de chíos cada vez que saltaba ao cambio. É certo que o seu rendemento era malo pero a reacción dalgúns afeccionados foi máis que desproporcinada. Até que un día, ante as preguntas da prensa, explicou en rolda de prensa, por se había dúbidas, que o Celta non fichara a Cristiano Ronaldo, fichara a Pablo Hernandez. Touché.

Até que un día, ante as preguntas da prensa, explicou en rolda de prensa, por se había dúbidas, que o Celta non fichara a Cristiano Ronaldo, fichara a Pablo Hernandez. Touché

A tempada foi pasando, as criticas non. Krhon Dehli marchou e antes siqueira de que puxera un pé no campo xa tiña detrás ao seu grupo de 'acólitos' dispostos a non concederlle nin o máis mínimo beneficio da dúbida. Doloroso foi o ocorrido contra Las Palmas, no que todo o equipo fixo un partido bastante pobre, e no que a afección pareceu tomalo a el como cabeza de turco do mal partido. Berizzo sempre tivo claro que unha vez adaptado ao equipo, Pablo Hernandez sería quen de render como o fixera hai duas tempadas en Chile. E así foi, aínda que hai xente en Balaídos que non se decatou.

E inxusto que Pablo Hernandez sexa o único culpable dos erros do Celta cando neste inicio de tempada esta completando grandes partidos. Xogou de titular oito dos dez partidos e só en dous, fronte ao Levante e fronte a Las Palmas, tivo una actuación discreta. No resto, fixo partidos destacados. O golazo fronte á Real Sociedad no último minuto do encontro foi o seu xeito de reivindicarse no equipo e fronte aos afeccionados que se resisten a ver nel a un titular indiscutible. O gol en Anoeta non é un gol dun xogador debutante, é o gol dun xogador con visión de gol e moito oficio. Os minutos e a confianza que está a recibir fixeron que chegara ese gol no mellor momento posible, conseguindo unha victoria que xa ninguén esperaba. Co Celta terceiro e o equipo en vías de consolidarse nos postos altos da clasificación, o mellor que podemos facer é deixar a Pablo Hernandez xogar para que saque fóra todo ese fútbol que leva nas súas botas.

Comentarios