Opinión

O Celta remata o ano 2013 repetindo o guión do 2012

O Celta pechou onte en Balaídos o ano futbolístico cun empate que, polo visto no terreo de xogo, pode ser un bo resumo do que leva acontecido no que vai de tempada. Unha primeira parte bastante gris do Celta, na que só a sorte impediu que Osasuna non fixera máis goles.

O Celta pechou onte en Balaídos o ano futbolístico cun empate que, polo visto no terreo de xogo, pode ser un bo resumo do que leva acontecido no que vai de tempada. Unha primeira parte bastante gris do Celta, na que só a sorte impediu que Osasuna non fixera máis goles. Viuse no terreo de xogo un equipo sen ideas que non foi quen de parar as 'arrancadas' do equipo pamplonica, que acabou marcando un gol sen ningún tipo de oposición dos celestes. Ese Celta sen ideas, perdido, deu paso a un equipo moito mellor posicionado no campo, que foi quen de marcar un gol, e que, aínda que sen chegar de xeito claro a portería, máis por mérito de Osasuna que por fallo celeste, controlou mellor os espazos e achegouse con máis perigo á área rival. Eses dous 'celtas' están a ser unha tónica habitual no xogo do equipo desde que se sentou no banquiño Luis Enrique.

"Que a grada se divida é o peor para un equipo que claramente xoga mellor cando ten a afección do seu lado, e é obligación da afección, darlle eses ánimos".

E eses dous 'celtas' tamén están na grada, o gris dos asubíos, e o alegre dos que prefiren os ánimos ás recriminacións. E isto é un problema para o celtismo, que a grada se divida é o peor para un equipo que claramente xoga mellor cando ten a afección do seu lado, e é obligación da afección, darlle eses ánimos.
Hai un ano, o Celta estaba nunha situación ben semellante a actual, 17 partidos xogados, 15 puntos, un menos que agora, e cuns datos case calcados: 4 partidos gañados, como na actualidade, 3 empates e 10 derrotas (agora levamos 4 empates e 9 derrotas). A diferencia de goles era a mesma, 6, só que agora marcamos máis goles (21 fronte aos 16 de hai un ano). Na clasificación ocupábamos a décimo sétima posición fronte á décimo quinta actual. Pese á similitude, semella que estamos un pouco mellor. Cal é a diferencia entón? Probablemente a paciencia da xente, que xa se esqueceu de que o Celta é un equipo que se está a facer. Só hai ano e medio que estamos na primeira división e facer un proxecto baseado na canteira leva esforzo, e sobre todo, tempo. Estou convencida de que o Celta chegará a ser un equipo máis competitivo na primeira división pero este ano, como o anterior, tocará sufrir. Ao 2014 só lle pido que ese sufrir sexa menor porque os nosos coranzonciños celestes calquera día dannos un susto! Feliz ano 2014 sempre en celeste!

Comentarios