Opinión

O Celta, a prensa deportiva catalá e o 'non xornalismo'

O Celta amosou o sábado en Pamplona o que xa comentaba a semana pasada, que o obxectivo é conseguir o maior número de puntos posibles

O Celta amosou o sábado en Pamplona o que xa comentaba a semana pasada, que o obxectivo é conseguir o maior número de puntos posibles e quedar o máis arriba na taboa clasificatoroia. Eu fiquei moi contenta co que vin en Pamplona, un equipo íntegro, que saíu ao campo a competir e que desmontou a un Osasuna que non semellaba estar a loitar pola salvación. Luis Enrique deu entrada a varios xogadores que non veñen sendo titulares ultimamente e tanto Sergio como Oubiña e o propio Íñigo López tiveron un boísimo rendemento. Especialmente salientable foi a actuación do de Catoira, que fixo un partido soberbio sacando de debaixo dos tres paos balóns imposibles.

Tema Luis Enrique

Pero esta profesionalidade que amosou o Celta no Sadar dista moito da que está a amosar algún sector da prensa deportiva catalana arredor do tema Luis Enrique. Aínda que a liga aínda non rematou e o Celta, a pesar de estar salvado, ten importantes partidos por diante, a posible saída de Luis Enrique do Celta ao final da tempada concentra toda a atención mediática. A pesar de que o técnico sinalou en rolda de prensa que “todo son especulacións” e de que non pensa falar do tema até o final da liga, desde Barcelona xa dan por feito a fichaxe do asturiano polo Barça.

Como xornalista, cabréame especialmente o empeño que teñen algúns xornais deportivos por non facer xornalismo e entregarse ao amarelismo

Como socia e afeccionada do Celta moléstame esta actitude arrogante e paternalista dalgúns medios con todo este tema. Pero, como xornalista, cabréame especialmente o empeño que teñen algúns xornais deportivos por non facer xornalismo e entregarse ao amarelismo deixando dun lado a información e baseando as súas informacións en conxeturas e suposicións. Unha cousa é que os xornais deportivos vendan principalmente emocións e sentimentos e outra que lle falten o respeto aos afeccionados rivais en beneficio dos intereses propios. O diario Sport está especialmente lúcido nas súas informacións con titulares como “El vestuario aprueba a Luis Enrique. Los veteranos le valoran y los canteranos esperan mucho de él” ou “Luis Enrique y Ter Stegen, los primeros fichajes”. Ademais, nun pé de foto sinala que “Luis Enrique será el sustituto de Martino”. Insinúan tamén que Luis Enrique xa ten claro o seu equipo técnico, afirmando que “Luis Enrique quiere a Puyol como segundo entrenador del Barça”. Sinalan ademais que “Luis Enrique y Puyol, que son grandes amigos desde su etapa de futbolistas, ya han mantenido conversaciones al respecto aunque todavía no hay nada decidido”.

Unha de dúas, ou o Sport ten informacións privilexiadas ou Luis Enrique está a tomarlle o pelo a afección celeste, punto este que non vexo moi factible polo respeto co que o asturiano sempre tratou estes temas. O que está claro é que unha volta máis aos equipos pequenos da liga téñennos por parvos e , por se non o saben, polo de agora, Luis Enrique aínda ten contrato en vigor co Celta.

Comentarios