Opinión

Un Celta que non mete medo

Ao Celta onte en Villarreal sobráballe un central e faltáballe un home na creación do xogo.


Ao Celta onte en Villarreal sobráballe un central e faltáballe un home na creación do xogo. A idea de Berizzo de xogar con cinco homes atrás non era de todo mala porque o Villarreal é un equipo especialmente perigoso nas contras pero ese non é o sistema ideal para o equipo. Ademais, ao Celta faltáballe a alma mater do equipo, Krhon Dehli, que casualidades da vida foi perder o partido contra o equipo que máis papeletas ten para quedar con el a próxima temapada. O irónico do asunto é que con tres centrais o Villarreal gañoulle ao Celta case todas as contras, especialmente na primeira metade. Pero o problema non estaba na defensa, o problema estaba en case todas as liñas e, especialmente, na creación do xogo. O Celta apenas non puxo en perigo a portería de Asenjo.

A baixa de Krhon Dehli foi un lastre para o equipo e que o Celta depende demasiado del na creación do xogo e na distribución do balón

Na segunda metade, Berizzo viu a realidade do equipo e meteu no terreo de xogo a un home moito máis creativo e ofensivo como Álex López, o equipo mellorou, estivo máis cómodo no terreo de xogo e achegouse a súa mellor versión. Pero cando mellor estaba o Celta, subindo ben polas bandas e cerca de conseguir o empate, os locais volveron contratracar e con Vietto no equipo o Villarreal é un equipo moito máis perigoso e letal. O cuarto gol do Villarreal chegou ao final do encontro e é case unha anécdota fronte ao Celta que quedou morto xa co terceiro. Catro goles son moitos e non reflicten o que pasou no terreo de xogo pero a derrota era inevitable porque ao Celta faltoulle pegada arriba. Primeiro Larrivey quedou seco de goles hai unhas xornadas e Charles, o segundo 'home gol' do equipo, non é nin tan determinante nin ameazante como soía ser o ano pasado. Nas súas botas estivo o 3-2, que pouco supuña, pero errou unha ocasión clara só ante Asenjo. Charles é un goleador e necesita que eses goles entren porque o equipo precisa dos seus goles para voltar a ser un cadro forte nos últimos metros. Onte só Nolito foi quen darlle perigo ao ataque celeste.

O que queda claro é que a baixa de Krhon Dehli foi un lastre para o equipo e que o Celta depende demasiado del na creación do xogo e na distribución do balón. O lóxico é que deixe o equipo ao final da tempada, polo tanto, o lóxico é que o equipo aprenda a non sufrir tanto sen el.

Comentarios