Opinión

Celta: cinco minutos decisivos

O sábado, tras o segundo gol do Atlético de Madrid, Balaídos enmudeceu

O sábado, tras o segundo gol do Atlético de Madrid Balaídos enmudeceu. Había tempo xa que non sentía ese silencio nas bancadas. Non se escoitaban nin aos vellos balaidistas soltar barbaridades pola boca. Nada. Silencio total. Os cinco minutos de shock que sufriu o Celta no terreo de xogo foron acompañados de cinco minutos de shock da afección celtiña.

Aínda así, sen Rafinha e sen Augusto, o Celta tuteou ao Atlético cun Krohn Dehli especialmente inspirado

Dous goles en menos de dous minutos foi demasiado para un público que até ese momento estaba a desfrutar co xogo que estaba a facer o Celta contra un candidato ao título de Liga. O problema é que os fallos contra un equipo como o Atlético están condenados a se converter en gol. E mais aínda se o que está en contra é David Villa opositando para ir ao Mundial. Pero tamén é certo que sería inxusto condenar ao Celta por dous fallos despois de visto o bo partido feito. Os primeiros 45 minutos do encontro foron especialmente bos pero ao Celta faltoulle concretar ese bo xogo con ocasións claras de gol. Quizais a falta de Rafinha lle restou agresividade de cara ao gol e o equipo sempre estivo un paso por detrás. Ademais, Nolito, que voltaba a titularidadd despois dun longo periodo de suplente, non acaba de ser o home importante que supostamente está chamado a ser. Ainda así, sen Rafinha e sen Augusto, o Celta tuteou ao Atlético cun Krohn Dehli especialmente inspirado. Para min, foi o mellor do Celta o sábado. Pero a pesar da falta de ocasión, en ningún momento deu a impresión de que o empate se lle podía escapar ao Celta. E cando o partido estaba máis tranquilo un erro inocentón e puntual de Jonny significou o primeiro gol. Tras o saque de centro, un Atlético de Madrid sen oposición atopou de cara o segundo gol case sen pensalo.

A boa noticia é que pasados eses cinco minutos de shock, como así os denominou Luis Enrique na rolda de prensa posterior ao partido, o Celta volveu meterse de novo no encontro. Volveu pelexar por conseguir un gol que lles devolvese a confianza perdida. Pero eses cinco minutos fatídicos nos que o Celta parecía non estar no terreo de xogo foron suficientes para sentenciar o encontro. A pesar da derrota a imaxe do Celta segue intacta e así llo fixo ver a afección celeste que nos últimos minutos do encontro, xa sen posibilidade de remontar, non deixou de animar ao equipo.

Comentarios