Opinión

O Celta de Luis Enrique

Hai un ano comezou un proxecto ilusionante e motivante para o celtismo


Hai un ano comezou un proxecto ilusionante e motivante para o celtismo que, semana tras semana, foi tomando tomando forma até chegar a ser o Celta que é hoxe. A peza chave elexida para facer mover esta engranaxe era Luis Enrique, a persoa arredor da cal xiraba a idea dun novo Celta cimentado na canteira. Con Luis Enrique chegaron nomes como Charles, Rafinha e Nolito, que fixeron que os niveis de ilusións do celtismo chegaran até cotas insospeitadas anos atrás. E ese Celta foi collendo forma, deu pasos cara atrás e cara á diante pero, ao final, colleu unha liña recta de regularidade que os levou a ser uns dos mellores equipos da Liga na segunda volta do campionato. Ademais, o Celta é hoxe en día un equipo alegre no ataque, que non lle ten medo a saír ao campo cun claro espírito ofensivo e que lle regala ao espectador tardes atractivas de fútbol.

A saída de Luis Enrique do Celta é unha magoa polo feito de que o mellor deste proxecto aínda está por vir e el será sempre parte dese éxito

Como digo, a figura de Luis Enrique foi imprescindible para que se producira este cambio pero, no fondo, todos temos parte de culpa neste bo ano do Celta. O clube, porque foi quen de confiar cegamente nun adestrador sen experiencia na primeira división para reflotar un proxecto de futuro baseado no fútbol e na xente da casa como bandeira insignia. Miguel Torrecilla que, a diferenza do ano pasado, elexiu ben as pezas para armar este Celta -tema aparte sería o caso de Welliton-. O propio adestrador e o corpo técnico que se amoldaron a un clube humilde e sen grandes pretensións económicas para crear un produto de calidade e consolidalo na primeira división. Os xogadores, porque a pesar dos malos momentos vividos na primeira parte da tempada mantiveron a fe para saír cara adiante. E, como non, a afección, que, a pesar duns primeiros momentos titubeantes, fomos quen de confiar en Luis Enrique, na súa idea de fútbol e, sobre todo, de non deixar só ao equipo nos momentos nos que máis nos necesitou.

O certo é que o Celta de hoxe en día leva a marca 'Luis Enrique' e sobre iso non hai discusión posible. Poderase estar máis ou menos de acordo con moitas das cousas que fixo ao longo da tempada o asturiano, pero o que é indubidable é que conseguiu facer do Celta un equipo gañador e loitador, que non deu un minuto por perdido en toda a tempada. A súa saída do Celta é unha magoa polo feito de que o mellor deste proxecto aínda está por vir e el será sempre parte dese éxito. Luis Enrique, co seu bo traballo e a súa profesionalidade -si, a súa profesionalidade-, deixa en Vigo o listón moi alto e un oco díficil de encher.

Comentarios