Opinión

O Celta é o líder

Para ser exactamente precisos o líder é o Real Madrid, pero só por unha circunstancia de goles en contra.


Para ser exactamente precisos o líder é o Real Madrid, pero só por unha circunstancia de goles en contra. En todo o demais o Celta está empatado co equipo de Benitez, en número de partidos gañados, empatados e perdidos (ningún). O Barça vén detrás pero xa con dúas derrotas e cero empates. O Celta está no fronte da táboa porque as casualidades deixaron de ser casualidades e convertíronse en feitos. Feitos refrendados con goles e bo xogo no terreo de xogo.

En canto a números, como digo, o Real Madrid é o líder porque sólo ten dous goles en contra fronte aos oito do Celta e aos once do Barça. Pero en todo o demais, o Celta é o líder dunha liga na que o fútbol está máis ben desaparecido. O Real Madrid e o Barcelona acaban gañando os partido a forza de calidade. O Real Madrid fronte ao Levante non amosou unha superioridade abraiante, como sería o esperado. Nunca amosou un xogo absoluto e deixou moitas dúbidas, especialmente no medio campo. Dúbidas que, aínda con Modric, amosou noutros partidos. O Barça, con Messi e sen Messi, non é o equipo superior que era a tempada pasada, cóstalle gañar e non lle acaba de atopar o ritmo aos partidos. Pese ao 5-2 fronte ao Rayo, a imaxe do equipo non foi a mellor, aínda así a calidade dos seus xogadores fixo a diferenza.

O Celta non só e co-líder, e ademais o equipo que mellor imaxe está deixando até agora na competición

E entre estes dous monstros do marketing e dos soldos millonarios apareceu sin avisar o Celta. O líder con maiúsculas deste comezo de campionato. O Celta non só e co-líder, e ademais o equipo que mellor imaxe está deixando até agora na competición. É certo que hai equipos que melloraron ostensiblemente a súa imaxe a respecto da pasada tempada como o Dépor ou o Eibar pero o Celta amosou en Vilarreal a imaxe do líder que é. Agás por uns minutos de indecisión, o equipo foi quen de sobrepoñerse ao gol do Vilarreal e esa insistencia que o caracteriza acabou tendo a recompensa do gol. O Celta mereceu a vitoria porque foi superior ao Vilarreal e porque insistiu máis e mellor que o contrario. O equipo é, sen dúbida, o que mellor fútbol fai e só cando lle quitan o balón é cando sofre. Por iso, a semana que vén fronte ao Real Madrid do que se trata é de que no nos impidan facer o noso xogo. O obxectivo ten que ser o de non renunciar ao noso xogo e gañar os puntos que precisamos para que o liderado de fútbol se transforme tamén en liderado de facto.

Comentarios