Opinión

O Celta e a felicidade da foto finish

Despois de dez anos de espera, finalmente volveu Europa a Vigo e Balaídos volveu acoller na casa unha competición europea. Foi unha noite de emocións, pero non o humanamente cálida esperable nunha tarde coma esta. Pouco máis de media entrada en Balaídos e grazas. Moito ten que cambiar a política de prezos de casa Celta para ver de novo un estadio cheo nas competicións europeas. A presentación en Europa non foi coa mellor cara posible pero foi. E iso é o emocionante.

Como digo, o Celta voltou a Europa e fíxoo cunha vitoria conseguindo tres puntos fundamentais xogando na casa. Até aquí o positivo da noite europea en Balaídos. O resto do partido, o que non foron os goles do Celta, resúmese nunha enumeración de erros celestes un tras outro. O equipo estivo mal, moi mal. O Panathinaikos de seguro marcha de Vigo coa sensación de que mereceu algo máis no encontro. E así foi. Das botas dos gregos naceron as mellores accións do partido, o peligro creáronno eles e deles naceron tamén as mellores ocasións de gol. Os dous goles que o árbitro lle anulou (ben) ao equipo heleno foron dúas chamadas de atención alarmantes. O feito de que o equipo chegara con esa facilidade á portería de Sergio debería ser un punto de reflexión para todo o equipo. Non se pode regalar, deixar crear e deixar evolucionar dese xeito a un equipo que ten o seu punto forte no contragolpe. Non se pode permitir nun partido destas características a falta de intensidade nos últimos metros. Non se pode, en definitiva, ter o balón e non liderar o partido. O balón hai que telo para crear, para liderar e para ter a iniciativa no xogo. O Celta fronte ao Panathinaikos só moveu a bola con sentido nos últimos minutos do encontro, despois de ver pasar por diante, unha tras outra as ocasións do rival. En certo momento o partido entrou nunca dinámica tan negativa que o mellor que podía ter pasado era que o partido finalizara o antes posible.

Moito ten que cambiar a política de prezos de casa Celta para ver de novo un estadio cheo nas competicións europeas

Pero como sucedeu o domingo pasado en Barcelona, o Celta tiña gardada unha sorpresa final, os goles, iso que fai que as vitorias chegen. Por inmerecido do resultado para o Panathinaikos, e para o Espanyol o pasado domingo, o certo é que o Celta non deu nunca o empate por definitivo e si, nos últimos minutos buscou máis e mellor os goles. Goles, que por outra banda, chegaron case no último suspiro do encontro despois dunha boa xestión dos cambios por parte de Berizzo. E xa van dous encontros no que o equipo mellora a súa imaxe no solpor do encontro cando xa so a casualidade, a frescura ou unha mellor xestión dos tempos pode regalarlle a un equipo a vitoria. Ao Celta os cambios regaláronlle una vitoria de 'foto finish' cando o empate estaba cantado e cando xa case non había tempo de reacción para o rival. Unha vitoria tan inxusta como alegre e tan necesaria como fundamental para os nosos intereses en Europa.  

Comentarios