Opinión

O Celta baila ao son de Primeira División

A quen lle guste bailar, que baile. E que baile ben porque o Celta vén de certificar que, se non hai unha desgraza, o vindeiro ano vai voltar a ser equipo de Primeira División.

A quen lle guste bailar, que baile. E que baile ben porque o Celta vén de certificar que, se non hai unha desgraza, o vindeiro ano vai voltar a ser equipo de Primeira División. Os 40 puntos que sumou o domingo en Almería deberían ser dabondo para ter un final de tempada tranquilo. O encontro fronte ao Almería foi unha boa mostra da evolución do equipo que afundiu a un Almería sobrepasado por un Celta brillante no ataque.

O Celta volve para Vigo reforzado, cun pleno de puntos en terras andaluzas, 15 de 15 posibles

Podo pecar de optimista pero para min este partido foi chave nas aspiracións do Celta. Bastante levamos sufrido nos últimos anos como para non alegrarse dunha vitoria coma esta. Son consciente de que tres puntos máis significarían a tranquilidade definitiva e obviamente o Celta non debe quedar durmido, pero creo tamén que podemos gozar destes últimos partidos sen o agobio de conseguir puntos desesperadamente.

Krohn Delhi, chave

En Almería viuse o bo momento que está a vivir Nolito, que xunto cun Orellana e un Rafinha sobresaíntes, fixo do Celta un equipo especialmente agresivo que deixou fóra de xogo á defensa rival, maiormente na segunda metade. O Celta comezou o encontro un pouco titubeante pero a realidade é que, desta volta con Krohn Delhi no medio do campo, pouco a pouco os celestes foron roubando metros aos almerienses até facerse co dominio do partido. Co empate local, os vigueses volveron a dubidar pero no comezo da segunda metade o Celta semellaba non ter rival. Aínda así o Almería foi quen de marcar un último tanto que deixou o marcador final en 2-4.

O Celta volve para Vigo reforzado, cun pleno de puntos en terras andaluzas, 15 de 15 posibles, e deixando en todos os casos boas sensacións no terreo de xogo. A partir de agora quedan por diante catro partidos, 12 puntos en xogo e un final de tempada para desfrutar do equipo, esquecendo o sufrir.

Comentarios