Opinión

Celta: afouteza e corazón

Afouteza*: “Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades”.

Afouteza*: “Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades”.

Hai unas semanas que nos exteriores de Balaídos unha faixa ao longo da fachada principal do estadio reza en letras xigantes e maiúsculas: Afouteza e corazón. E como todos os celtistas sabemos, non son palabras baleiras. Se hai una frase do himno que todo afecionado do Celta repite coma un mantra case que dende que entende o que é ser celtista é esa: Afouteza e corazón. É máis, podía asegurar ao 100% que de todos os celtistas congregados o sábado en Balaídos, o 99,9% titularía calquera texto relacionao co partido así: Afouteza e corazón.

Ese gol de Santi Mina tivo moito de forza e de rabia pero sen corazón non había gol.

E é que o equipo deu unha volta máis unha lección de afouteza, de rabia, de inconformidade, de seguir, de loitar e de non desfalecer. E ao final, tantas gañas lle puxeron que foron quen de pasarlle por riba a unha Real Sociedad en superioridade numérica. A entrada de Orellana e de Santi Mina foi esta vez providencial, así o remarcou Luis Enrique na rolda de prensa posterior ao partido. O chileno deulle ao equipo un plus de agresividade e velocidade en punta á que Mina soubo responder rematando un pase do chileno cun tiro imparable que supuxo un empate que sabe a vitoria. Nos minutos finais do encontro unha nova combinación de Orellana e Mina mesmo puido poñer o 3-2 no marcador pero a defensa da Real Sociedad non andaba con gañas de ir deixando regaliños por aí.

Corazón*: 1- “O órgano considerado como sede do amor, a xenerosidade, o conxunto de sentimentos afectivos”. 2- “O mesmo órgano, considerado como sede do valor, o ímpeto, a forza de vontade”.

Forza, picardía, veteranía: Mario Bermejo

Ese gol de Santi Mina tivo moito de forza e de rabia pero sen corazón non había gol. O corazón das gorxas celestes que o sábado non deixaron de animar ao equipo, que amosaron que non están dispostas a deixar ao Celta solo na recta final do campionato. Que están co equipo incondicionalmente e que se hai que deixar a voz no intento, déixase. Todos eses corazóns estaban na bota do canteirán Mina, que mais que con afouteza, meteu un gol con corazón. Ese corazón que lle pon Mario Bermejo cada vez que salta ao terreo de xogo e que non me cansarei de aplaudir porque lle dá ao equipo un extra de forza, de picardía e de veteranía que tan ben nos veu o sábado.

O mesmo corazón que probablemente levaba Jon Aurtenetxe nas botas pero que de tanto amor, pasouse de freada. A pesar da expulsión, foi a partir dese intre cando o Celta amosou a súa verdadeira cara no encontro e sacou forzas onde xa non había.

Pois iso Celta, “Que o teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón.”

*Definicións extraídas da RAG.

Comentarios