Opinión

Capítulo final. O Celta e a tempada da ilusión

A tempada do Celta pechouse oficialmente o sábado tras a vitoria do Barcelona na Copa do Rei. Tivemos que esperar unha semana máis co resto dos equipos pero por fin sabemos onde imos estar a tempada que vén e, sobre todo, con canto tempo conta o equipo para planificar a vindeira tempada. E para relaxo de xogadores, directiva e afeccionados, o verán será longo dabondo para coller forzas para o ilusionante curso próximo. A vitoria do Barcelona dálle ao Celta acceso directo á fase de grupos e evita así unhas pesadas rondas previas nada necesarias.

Foi o fin a un ano fermoso, duro e ilusionante, que serviu para poñer as bases dunha tempada que todos os celtistas queremos que comece xa. Queremos ver o verdadeiro nivel do Celta fronte a equipos como o Inter, o Manchester (de Mourinho ¿?), o Sporting de Braga, o Schalke 04 ou a Fiorentina. Queremos Europa e querémola moito. Queremos facer e desfacer maletas, chegar con resaca futbolística ao traballo, tirar de días de vacacións para seguir o Celtiña até Moscova. Queremos vivir apaixoadamente esta Europe League porque é o momento dun proxecto froito da paciencia e do saber facer de moitas persoas no clube, desde o entrenador, até o utillero.

Queremos ver o verdadeiro nivel do Celta fronte a equipos como o Inter, o Manchester (de Mourinho ¿?), o Sporting de Braga, o Schalke 04 ou a Fiorentina

O 4 de xullo volven os rapaces ao cole e os afeccionados voltaremos a especular e formar onces imaxinarios aos que acompañar no Giuseppe Meazza ou en Old Tradfford. Berizzo voltará a camiñar pausado polo céspede coas máns nas costas nunha cariñosa caricatura do 'Loco' Bielsa. Os xornais darannos eses últimos nomes do mercado que farán ao afeccionado rememorar aquel verán dos Mostovoi, Mazinho e Revivo. Aquel verán no que Balaídos se encheu para a presentación dun equipo que non tiña nada que perder e mil batallas que gañar. E gañounas, e puxo de novo Balaídos na escena europea.

Querer atopar palabras axeitadas para describir a tempada do equipo é unha especie de xogo funambulístico porque a paixón levaranos a grandes adxectivos que pouco teñen que ver coa realidade. Foi un ano duro, é difícil, moito, tanto como competir na mellor liga do mundo e quedar sexto. É difícil porque as aspiracións son limitadas e porque os rivais esixen de ti a mellor versión. O Celta foi esté ano mais maduro que o anterior, soubo xestionar mellor as crisis de fútbol e físicas e amousou que o aprendizaxe é continua e que o fútbol bonito, ás veces, hai que aparcalo uns segundos para rematar un partido. O equipo soubo sufrir e defender coas ideas máis claras que nas tempadas anteriores e todos foron un. Orellana defendendo e Jonny atacando. Un equipo, un esforzo único e un obxectivo común. O camiño deste Celta esta apenas comezando e, con Berizoo como capitán primeiro, a meta estará seguro onde rematen os soños.

Comentarios