Opinión

O caos perfecto do Celta

Recoñezo que a estas alturas da tempada o Celta segue a ser un gran misterio para min, capaz do peor e do mellor nun só partido. Contra o Eibar o 'horroroso' e o 'grandioso' conviviron no partido como personaxes antagónicas dunha novela imperfecta.

A peor imaxe posible, esa coa que o Celta coquetea perigosamente nos últimos partidos apareceu de novo contra o Eibar na primeira metade do partido. Falta de intensidade, sen presión e sen ideas, deixoulle o campo libre aos eibartarras para facerse donos do balón, da presión e do dominio no balón. O Celta sucumbiu ao xogo intenso do Eibar, sen ocos para pensar viuse de súpeto sumiso das decisións do rival e sen capacidade de reacción aparente. Jonny e Mallo non apareceron na primeira metade. A Pione Sisto o aínda o andan a buscar por Balaídos. Creo que en 45 minutos non finalizou un pase ben, perdido e sen recursos. O nivel do dinamarqués comeza a ser demasiado preocupante, velo é sufrir. Falla pases, enrédase co balón dándolle demasiadas facilidades ao rival e acaba desquiciado consigo mesmo. Wass, Aspas e Maxi foros pequenas luces de esperanza nuns 45 minutos que semellaban unha continuación do malísimo segundo tempo en Getafe. Porén, a falta de ideas e de acerto do Eibar foron un oasis de luz para o Celta e o 0-0, un alivio de cara á segunda metade. Preocupan estes minutos insulsos do equipo. Preocupa a falta de ideas e de reacción, con ou sen balón o equipo estaba perdido no terreo de xogo. Defender ou atacar son ideas lexítimas no fútbol e válidas, o problema é non saber cal é o rol a seguir no partido e esa foi a peor das novas.

O nivel do dinamarqués Pione Sisto comeza a ser demasiado preocupante, velo é sufrir

 

A mellor, por contra, foi o descanso e a rápida reacción de Unzué que deixou Sisto no banco para darlle minutos a Emre Mor. O equipo amosou unha imaxe mellorada e recuperada. Entonouse e as bandas volveron a aparecer e ser determinantes. o Celta entendeu como facerlle dano ao Eibar e as transicións rápidas tiveron impacto no equipo, déronlle continuidade ao xogo do Celta e deixaron o Eibar con máis dúbidas e menos solucións que na primeira metade. O impacto de Emre Mor no partido foi inmediato -como xa sucedera no partido contra o Espanyol- e nunha das primeiras accións pola banda esquerda chegou o gol de Aspas. Jonny volveu á vida, conectou con Mor e este volveu ser o asistente de Aspas. Outra grande nova para o equipo é a progresión de Mor nos últimos encontros, que pide a berros unha titularidade. A súa conexión con Aspas é clara e xa deixou 2 goles en 3 partidos. O gol doulle ao equipo a confianza necesaria e a partir dese intre controlou o partido sen problemas. O segundo gol chegou desta volta pola banda dereita cunha gran carreira de Mallo -outro que voltou á vida na segunda metade- para assistir a Maxi. Maxi e Aspas, a parella do momento, de novo marcando e de novo reivindicando o seu posto no 'top 5' dos máximos goleadores da liga acompañados por Messi, Luis Suárez e Ronaldo. Aí é nada.

Final feliz dun partido que deixa o Celta momentaneamente en posicións europeas e con todas as ilusións e esperanzas intactas por uns días. A liga non descansa e o martes chega o Girona. De pouco servirá esta vitoria se o Celta volve ao camiño das dúbidas.
 

Comentarios