Opinión

Borja Oubiña: culpable de todo

A min Borja Oubiña sempre me pareceu un exemplo de superación.


A min Borja Oubiña sempre me pareceu un exemplo de superación. Un deportista que non se rendeu a pesar de ter todo na súa contra. Cando alá polo ano 2008 recaeu da súa lesión de xeonllo case que a diario escoitaba que a súa carreira deportiva chegara xa ao seu fin. A cousa foi a máis cando pasaban os meses e non se escoitaban máis que noticias negativas sobre a súa recuperación. A pesar diso parecía que el seguía intentando o imposible cando loitaba por voltar ao primeiro nivel do fútbol. Daquela, o Celta estaba en segunda e coa chegada de Paco Herrera ao banquiño, Oubiña tivo o seu primeiro contacto co balón nun partido. Dende a súa volta ao campo en marzo de 2011 fronte ao Villareal pouco a pouco Oubiña foi recuperando o seu xogo até voltar a ser imprescindible na medular do Celta. E ese camiño, ao meu modo de ver, foi especialmente duro porque ademais de loitar cunha grave lesión, Oubiña tivo que loitar co paso dos anos. Despois de pasar dous anos en branco, voltou xogar un partido oficial aos 29 anos. Que é case como voltar a empezar. O feito de que o Celta estivera xogando na segunda división creo que foi bo para que Oubiña voltase a recobrar as boas sensación sen a presión física da primeira división.

Non creo que Oubiña teña que ter confianza ilimitada por parte do adestrador, mais si ten dereito a ter días malos

Por todo iso, entristéceme especialmente ver e escoitar o odio visceral que algúns afeccionados do Celta lle teñen ao noso capitán. Especialmente no partido do pasado venres fronte ao Málaga. Parece ser que dos dous goles que recibiu o Celta, os dous foron culpa exclusiva de Oubiña. A min que mo expliquen... Non creo que Oubiña teña que ter confianza ilimitada por parte do adestrador, nin el nin ningún outro xogador, pero o que si creo é que ten dereito a ter días malos. E debe telos. O bo é que temos alternativas. O malo é que a afección o sinale como o culpable de todo.

Oubiña é o primeiro que entende as súas suplencias e veas como “algo que forma parte do fútbol, podes xogar ou non xogar. Son situacións normais deste deporte”, comentou aos medios hai unhas semanas. “Eu tiven a sorte de xogar moito", dicía, e probablemente tamén sabe que a súa carreira será máis curta que a doutros xogadores. Pero o que non é xusto para el é escoitar semana tras semana a falta de respeto cara á un xogador que foi, co meu respeto aos demais canteiráns, o mellor e máis completo produto que saíu da Madroa en anos.

Comentarios