Opinión

A bipolaridade continua do Celta

O Celta decidiu vivir este inicio de tempada subido nunha montaña rusa sen fin, todo o que consegue nunha área destrózao na outra. Cada gol que marca cústalle outro e cada boa nova vén acompañada doutra negativa. E como quen se atopa nun continuo proceso bipolar de emocións contrapostas e continuos ups and downs que deixan a equipo e afección animicamente esgotados.

O venres no partido contra o Girona durante os primeiros 15 minutos do encontro vivíronse máis emocións que nun día enteiro nun parque de atraccións. O equipo amosa a súa mellor imaxe cando colle o balón e progresa cara á portería contraria, a calidade dos homes de arriba é indubidable. Corren, pensan, crean e atopan ocos que rematan en goles. A idea valente e ofensiva que o equipo ofrece no terreo de xogo é clara e un exercicio de 'bonitismo' futbolístico pero todo o que fan ben os homes de arriba bótano a perder os homes de atrás. O Celta sofre en defensa constantemente. Deixa ocos demasiado evidentes e comete fallos imperdoables co balón xogado. Para poder ser competitivo en Primeira División os goles non chegan, o equipo ten que progresar partindo da solidez defensiva se realmente quere completar unha boa tempada.

Para poder ser competitivo en Primeira División os goles non chegan, o equipo ten que progresar partindo da solidez defensiva

 

O feito de que aínda a día de hoxe, despois de 7 xornadas, non saibamos cal é a parella de centrais titular, dá unha idea do descontrol defensivo do equipo. Cabral-Fontas, Fontas-Sergi ou Sergi-Cabral e así sucesivamente, en bucle, pero da dupla Cabral-Roncaglia, nin rastro. Non digo que Cabral e Roncaglia xuntos sexan a panacea, pero, como bos arxentinos, loita e entrega non lles vai faltar. É estrano que a parella que rematou a tempada pasada sendo titular indiscutible non tivese até o de agora minutos. É estrano, e preocupante, visto o nivel xeral da defena. Contra o Girona, Unzué viuse obrigado a cambiar a Fontás e o certo é que o equipo amosou máis intencións defensivas nos minutos nos que o arxentino estivo no terreo de xogo. Minutos que duraron pouco debido á lesión de Hugo Mallo, que coincidiu cos minutos finais nos que o equipo non foi capaz de manter o valioso 3-2. E de novo, despois da ledicia, as micro decepcións ás que xa nos imos acostumando a forza de velas.

Despois de ver o partido do venres, queda a sensación que o choque en Eibar da semana pasada, con 3 goles de estratexia e deixando a portería a 0, foi a gran excepción que confirma a regra de que este ano ao Celta os goles sáenlle demasiado caros como para soportalo nove meses. Quedan por diante dúas semanas de traballo intenso antes do vindeiro encontro contra Las Palmas, tempo de sobra para atopar o punto de equilibrio entre un ataque brillante e unha defensa demoledora.

Comentarios