Opinión

O Barça, o Madrid, Mateu Lahoz e outras estrelas

A semana do Barça-Real Madrid ben podería ser a semana da salvación do universo

A semana do Barça-Real Madrid ben podería ser a semana da salvación do universo. Ou mellor, podería ser a semana na que desaparecese o mundo porque de seguro algún/unha non se enteraría. Dá case alerxía abrir calquera xornal 'serio' repleto de informacións sen contido no que básicamente nos explican o marabillosos que son o Barça-Madrid, que é a festa do fútbol, que o mundo se para por 90 minutos... estamos seguro disto? Tan afeitos que estamos ás enquisas, gustariame saber a canta xente lle importa, de verdade, o que pase nese partido. É dicir, creo que nos último anos o 'cansinismo' co Barça-Madrid chegou a tal que a xente sinxelamente apagou as televisións, radios, xornais e demais medios cando se trata o tema do 'Clásico'. En serio é necesario facer un programa diario sobre a información do partido? En serio? É fundamental para as nosas existencias medir o grao de tristeza que ten Cristiano Ronaldo? Ou que a Messi lle pica o dedo pequeno do pé? Non. Como xornalista e afeccionada ao fútbol digo rotundamente que non.

A información de deportes xa é saturante normalmente, pero esta semana é un furacán de parvadas e rumores que pouco ben lle fan á humanidade. Hai uns cantos anos até eran divertidos estes partidos porque non había tanta competición entre semana e porque, no fondo, non eran partidos tan mediatizados e previsibles como na actualidade. Hoxe en día os Barça-Madrid até chegan a ser aburridos con tantas estrelillas na busca de foco, máis que na busca do bo fútbol. Chegou un momento en que, de tanto velo, o 'super clásico' non só repite, senón que ademais indixéstase.

Nos últimos anos o 'cansinismo' co Barça-Madrid chegou a tal que a xente sinxelamente apagou as televisións, radios, xornais e demais medios cando se trata o tema do 'Clásico'

E por se non fora pouco todo o que xera o partido en si, ao Celta tocoulle sufrir nas propias carnes a outra 'estrellita', chamada a ser protagonista do derbi, o 'indefinible' Mateu Lahoz. O señor árbitro chegou a Balaídos o sábado en busca da súa parcela de protagonismo de cara ao domingo e o Celta tivo que ver en primeira persoa como se cargaba o partido xa recén comezado. Un partido que, probablemente, tería sido dun xeito ben diferente se non fose por ese penalti inexistente. O Celta polo menos intentouno na segunda metade e Lahoz marchou de Vigo como os sheriff do Oeste hollywoodense, satisfeito e contento polo deber cumplido. E, de paso, cuns cantos titulares como a el lle gustan para sumarse ao circo mediático do Barça-Madrid.

Comentarios