Opinión

O Balón é a vida (para o Celta)

O Dépor quitoulle ao Celta o balón e xa non tivo necesidade de máis. Fin da historia. Porque o Celta sen balón é como o monte sen xestas, nada.

O Dépor quitoulle ao Celta o balón e xa non tivo necesidade de máis. Fin da historia. Porque o Celta sen balón é como o monte sen xestas, nada. E coma toda xesta, o balón dálle alegría e cor a calqueira partido insulso. Así foi o fútbol do Celta o sábado, insulso, baleiro, sen ideas, incapaz de xerar o perigo necesario para poñer en apuros á portería rival. Aínda así, con e sen balón, o Celta é un equipo ao que nunca veremos baixar os brazos, ao que nunca veremos deixar de pelexar posibles xogadas de perigo. E iso é o que fai que ao rematar os encontros, aínda coa derrota ás costas, non vexamos un equipo destrozado ou sen identidade. O Celta sabe perder, xa o comentaba a semana anterior fronte ao Valencia. O problema é que ademáis de saber perder, seguimos a cometer fallos que non nos axudan. A defensa do Celta está pedindo a berros o retorno de Cabral. Desde que o arxentino está suspendido os riváis fan co Celta o que queren. A rápida (e posiblemente forzada) volta de Fontás ao once amosou que o catalán non estaba listo para xogar noventa minutos. A recaída da súa lesión no derbi só fixo confirmar o evidente, que non estaba listo para remplazar a Cabral así, de supeto.

E se Nolito marca o penalti? Pero non o marcou, fin do conto. E se o Dépor non tivera a Lucas en estado de gracia? Pero teno. Moito. Moitísimo

O certo é que, con Cabral e sen Cabral, o Dépor foi máis listo e soubo ler o partido á perfección, sabendo o que lle ía facer dano ao Celta. Apostou por xogadas con balóns longos e collendo, na maioría das ocasións, aos xogadores do Celta a velas vir, fóra de marca e sen reacción. Se a iso lle sumamos que o sábado non era o día do Celta, temos o camiño da vitoria para o Dépor servida en bandexa. E se Nolito marca o penalti? Pero non o marcou, fin do conto. E se o Dépor non tivera a Lucas en estado de gracia? Pero teno. Moito. Moitísimo. E o Celta ten ao incansable Jonny... digamos que en paradeiro desconocido, regalando goles como quen regala flores. E así, un partido como o #onosderbi, coa tensión e a intensidade que esixe, ponse moi costas arriba.

O único seguro é que o Celta deixou un anaco do seu fútbol en Vigo o sábado e o Dépor gañou xustamente un derbi no que o fútbol foi o protagonista e as 'outras' historias quedaron relegadas a un terceiro ou cuarto plano. E unha volta máis a afección do Celta amosou que o equipo nunca estará só nas importantes ocasións. E se hai que facer unha excursión a Coruña faise, que unha vez ao ano, non fai dano. En fin, bromas aparte, ao final o Celta perdeu un derbi que non mereceu gañar. Pero como os tópicos están para rompelos, de seguro que nesta ocasión a segunda parte será boísima. Espera a revancha en Vigo alá polo mes de abril.

Comentarios