Opinión

Aspas é suficiente en #ONosoDerbi 

Este derbi non pasará á historia como o máis entretido dos últimos anos, máis ben como a excusa perfecta para botar unha boa sesta. De intensidade e ocasións creadas máis ben pouco. O máis emocionante do partido foi sen dúbida o momento de escoitar o noso himno cantado por 30.000 gorxas. A partir de aí a nada, especialmente na primeira metade. O fútbol deberono esquecer os dous equipos no vestiario porque estivo bastante desaparecido no partido. 

Pouco en ataque e un par de erros defensivos para cada equipo son suficiente resumen para a festa galega do fútbol. Unha ocasión para cada equipo é o reflexo dun partido igualado en pobreza ofensiva. A sorte e a calidade de Aspas fixo que a do Celta entrase e a do Dépor, non. Ocasión a do Dépor, precedida dunha 'empanada' mental boa entre Sergio e Roncaglia que lle regalaron un gol ao xogador 'tico' pero que non soubo finalizar. O Celta tivo máis o balón e o Dépor semellaba non ter intencións claras de querer gañar un derbi contra un Celta moi inferior fisicamente despois do esforzo feito en Rusia tan só 3 días atrás. 

Aínda así o equipo de Berizzo foi o equipo máis intelixente no terreo de xogo, xogou mellor cos tempos do encontro, administrou ben o cansancio e soubo aparecer o mínimo e necesario para marcar un gol e non sufrir até o final do encontro. Partido pragmático o do Celta, sen pretensións pero non dando un balón por perdido, o que levou ao Celta á xogada do gol e á vitoria final.
 
Vitoria que, por inesperada para min -confeso que vía ao equipo un poco 'fóra' de xogo para o partido despois do partido da Europa League- é aínda máis doce e máis aprezada. Unha vitoria que chega no momento xusto para non descolgarse das posicións europeas a non dar a liga por finalizada. A batalla da sétima praza (hipotético posto europeo se o Barça gaña a copa) segue viva e non semella que Berizzo vai renunciar a ela tendo en conta que ao Celta aínda lle queda por xogar un partido na casa contra o Real Madrid. A semana perfecta do Celta pechouse ao grande para seguir mirando cara adiante e ilusionarse semana a semana con todas as  cousas boas que nos están a pasar, con Iago Aspas sempre como referente das nosas cores celestes.

Comentarios