Opinión

Os árbitros e o Celta, love story

“Os árbitros e o Celta, love story” ben podería ser o título dunha novela de amor pero non

“Os árbitros e o Celta, love story” ben podería ser o título dunha novela de amor pero non, é o título da novela por entregas, máis ben de ficción, da relación que se creou hai xa unhas xornadas entre o Celta e os árbitros. Desde o PISCINAZO -sí, así en maiúsculas, que se le mellor- de Cristiano Ronaldo, os árbitros debéronnos coller cariño porque non hai semana que non nos fagan algún xesto de amor envenenado. O último, a expulsión de Planas cando o Celta estaba a dominar o partido e a ter as mellores oportunidades para marcar. Entón, o árbitro, sen previo aviso e sen amarela previa, desenfunda e, zas, tarxeta vermella. Rigurosísima. Así é. Partido adxudicado a un Sevilla que non fixo nada e que tivo que poñerse a defender para conter mellor a un Celta envalentonado e traballador incansable. A afección debería de estar orgullosa do traballo feito polo equipo porque non cabe nin un chisco de dúbida de que os xogadores deixaron todos os folgos no terreo de xogo. Unha vez máis un tiro ao pao, esta vez de Mina, impediulle ao Celta sumar o gol do empate.

Estes días con todo o 'rollo' este do 'happyflowerismo' nos terreos de xogo unha xa non sabe que pensar e que escribir

Pero, si, o árbitro tivo moito que ver en como se desenvolveu o encontro e ese non é o seu traballo. As malas actuacións dos árbitros teñen que ser denunciadas até a saciedade porque a maioría entra nos terreos de xogo como os sheriff do Oeste, metendo medo e impartindo a lei do fútbol como lle parece. Todo o mundo se equivoca, iso é normal, pero se un se equivoca, que mal hai en recoñecelo? Se un árbitro é malo hai que dicilo. Como pode ser que un xogador como Larrivey estea sancionado con catro partidos por algo que non dixo e que aínda que o verdadeiro autor do insulto entone o 'mea culpa' o árbitro nin sequera se digne a reler a acta? Se un árbitro de Primeira división non distingue aos xogadores mal imos... Estes días con todo o 'rollo' este do 'happyflowerismo' nos terreos de xogo unha xa non sabe que pensar e que escribir. É violencia dicir que un árbitro é malo? É violencia dicir que un árbitro se equivoca e imparte a xustiza irresponsablemente? A violencia existe e hai que sacala dos terreos de xogo pero vamos a ver se non perdemos o sentido común. Mentres tanto, os árbitros poderían ler o regulamento a ver se se poñen dacordo en cómo teñen que arbitrar para ser ecuánimes.

Comentarios