Opinión

E ao terceiro gol o Celta durmiu

O sábado en Vigo fixo sol. E iso en si xa é subliñable.

O sábado en Vigo fixo sol. E iso en si xa é subliñable. Tanta chuvia non lle sentou ben nin ao céspede de Balaídos, que semellaba un campo de patacas, nin aos xogadores do Celta, que pasaron o temporal sen ver un bendito punto.

Pois si, saíu o sol, tamén no futbolístico. O Celta iluminouse e recuperou as boas sensacións, iso si, até o minuto 60, que tampouco era cousa de 'chegar e encher'. A verdade é que non sei se foi por ese sol primaveral ou pola 'sobrada' diferenza de goles pero o certo é que o Celta despois do 3-0 fronte ao Levante botou unha sesta ben boa. Tan boa que a piques estivo de botar por terra todo o esforzo dos primeiros minutos do encontro. E si, o equipo dormeuse profundamente. Marcou o terceiro gol e decidiu que o partido xa estaba rematado, con 30 minutos por diante. Non contou, sen embargo, que o rival nin estaba morto nin de parranda, estaba no campo agardando a súa oportunidade. E o Celta basicamente foi un espectador durante 15 minutos para esquecer no que a defensa foi incapaz de conter os contraataques do Levante e a dianteira non foi quen de levar de novo perigo á área rival. Incluso despois do gol de Orellana o equipo volveu a recibir outro gol. Os últimos minutos do encontro foron de todo menos tranquilos.

Foi moi positivo ver xogar xuntos a Aspas e Guidette, o seu entendemento está chamado a darlle grandes alegrías ao equipo

Ao final o positivo foi a vitoria e os primeiros 60 minutos do equipo. Foi moi positivo ver xogar xuntos a Aspas e Guidette, o seu entendemento está chamado a darlle grandes alegrías ao equipo. Tamén foi positivo gañar un partido na casa sen o 'desexado' Nolito, xa que o equipo non fora quen aínda. Pero o máis positivo foi romper a negativa racha que nos estaba a afundir nun pozo bastante escuro, non na clasificación senón na motivación do equipo.

O partido tal e como se deselvolveu foi unha grande chamada de atención á conformidade. Ese sufrimento foi, no fondo, necesario para os próximos partidos, para saber que nin antes eramos tan desastrosos nin agora somos uns killers. O Celta non está en posición de baixar os brazos cando aínda quedan 30 minutos por diante porque os equipos que se están a xogar algo non van perdoar se se lles dan facilidades. É certo que botamos moito de menos a Nolito, e que Augusto segue a estar na nosa cabeciña cando miramos ao centro do campo pero as ausencias non nos van facer gañar partidos e fronte ao Atlético o mércores as distraccións poden ser definitivas.  
 

Comentarios