Opinión

Ao Celta esgótanselle os comodíns

Como se de un videoxogo se tratase, ao Celta o sábado aparecéronselle as dramáticas palabras “danger, danger” anunciándolle que está en perigo.


Como se de un videoxogo se tratase, ao Celta o sábado aparecéronselle as dramáticas palabras “danger, danger” anunciándolle que está en perigo. Acábanselle as vidas. E así, como sucede tamén nos videoxogos, o Celta ten que comezar a buscar recursos para conseguir puntos que lle permitan seguir no xogo do xeito más desafogado posible.

Certo é que este comodín marchoulle no último minuto e sen piedade pero, certo é tamén, o equipo deu unha imaxe bastante por debaixo da esperable e con máis cousas negativas que positivas. O Celta foi un equipo sen moitas ideas que, máis que xogar, vagaba polo campo. A presenza de Augusto no lateral dereito foi a novidade do encontro pero pouco convenceu, ou casi nada, á parroquia celeste. Quizais ese non era o mellor día para probar revolucións novas. Berizzo errou desta volta, máis aínda podendo xogar con Jonny e Planas nos laterais. Non é que Augusto fixera un partido desastroso é que o seu sitio estaba no centro do campo remplazando a Pablo Hernández, que de seguro que lle pon moita fe, pero que non acaba de dar coa tecla necesaria para ser un xogador que xere perigo. Pero, ademais do plantexamento táctico, o problema do sábado foi, en xeral, que o Celta non xogou a nada. Non fixo en ningún momento o seu xogo. Adicouse a agardar algunha oportunidade que nunca chegou fronte a un Espanyol que non tiña moito máis que ofrecer pero ao que salvou unha volta máis San Caicedo. Como no partido de copa fronte ao Valencia, o ecuatoriano saiu ao terreo de xogo a gañar o encontro. E gañouno. Marcou o gol da vitoria e listo. E o Celta quedou con cara de parvo cando xa daba por bo o punto nun campo que ultimamente se lle atraganta e moito.

Case parece cousa de meigas que a pesar de ter sumado só dous dos últimos 30 puntos en xogo, o Celta estea aínda na undécima posición da taboa a cinco puntos do descenso

Botándolle unha ollada á clasificación, case parece cousa de meigas que a pesar de ter sumado só dous dos últimos 30 puntos en xogo, o Celta estea aínda na undécima posición da taboa a cinco puntos do descenso. Pero a realidade é que de seguir con esta dinámica eses puntos poden ser menos en pouco tempo, tendo en conta o apretados que están todos os equipos pola zona baixa da táboa. O dramático do asunto non é perder, é perder como se fixo, sen alma nin corazón. Ao Celta só lle queda recuperar a confianza e as boas sensacións para voltar á senda dos goles e as vitorias canto antes.

Comentarios