Opinión

Unha anécdota de seis goles para o Celta

O partido do Celta fronte ao Barcelona non tivo moita historia. Durou o que lle duraron os folgos e as pernas aos “gladiadores” celestes. Ate o 1-1 foi un partido equilibrado no que o Celta, co equipo mermado polas baixas, lle fixo fronte ao Barcelona sen complexos e sempre mirando cara adiante. Valente, sen medos e coas ideas moi claras, só atacando se poden gañar partidos. Así o di Berizzo e así é a realidade do fútbol. O Barcelona pódelle gañar a moitos equipos por moitos goles, tantos como queira. Pero a diferenza está en que o Celta ofrece a batalla desde un fútbol alegre e ofensivo, sen esperar a que o Barcelona lle ofreza o balón, colléndoo para elaborar un ataque baseado nunhas ideas fixas que Berizzo repite coma un mantra. Hai que ter o balón, hai que xogar polas bandas, sen présa, elaborando as xogadas e sempre buscando o gol. Fronte ao Granada, o Barcelona ou o Athletic. A idea non cambia. Cambian os xogadores, pero a idea de xogo non muda.

O 6-1 é unha anécdota necesaria para alimentar ao universo de egos que é a dianteira blaugrana

O 6-1 é unha anécdota necesaria para alimentar ao universo de egos que é a dianteira blaugrana. Non entenden de propostas nin de ideas. Tanto lles ten o rival e seu xeito de plantarlles cara. O Barcelona golpea sen piedade, incluso se permite o luxo de humillar o contrario. Pero é así. Teñen a mellor dianteira do mundo para iso, para ser letais e non mirar atrás. O penalti de Messi e Suárez, como dixo Berizzo foi “diferente”, pero aparentemente o que quería o arxentino era homenaxear a Cruyff. Elixiu un mal momento. Ese penalti foi, para algúns, máis doloroso que os 6 goles. Ese penalti di moitas cosas pero, sobre todo, é un xesto. Un xesto de superioridade, de ridiculizar ao rival aínda sen pretendelo e de berrar forte “somos o Barça, a que queres que te gañe”. Dereito teñen a lanzar o penalti como queiran, pero quizáis deberían ter pensado nas circunstancias do partido antes de darlle ao balón.

O Barcelona quedou atrás e finalmente ao Celta chégalle o momento de retornar á senda normal da liga, sen copa e distraccións. Só a liga, esa competición que nos ten que dar as alegrías necesarias esta tempada. Comeza a loita por Europa cun rival directo, o Eibar, que xa é o sexto clasificado e está pedindo a berros un posto en Europa. Moi diferente ao do ano pasado, a súa loita cambiou de escenario e agora botan as contas para ver as posibilidades que teñen de ser o 'Euro Eibar'. O sábado comeza a conta atrás para cumplir o soño real e realista de xogar en Europa a próxima tempada.  

Comentarios