Opinión

A ambición incansable do Celta

O Celta chega a este final de tempada nun estado de forma envexable para moitos clubes

O Celta chega a este final de tempada nun estado de forma envidiable para moitos clubes. Sen case lesionados na enfermería e con todas as opcións intactas para poder soñar con competir en Europa o ano que vén.. Fronte ao Real Madrid amosou que a sua ambición está intacta e que non vai deixar de competir até o último minuto da competición. 

O equipo firmou fronte ao Real Madrid unha das súas mellores primeiras metades na liga este ano, amosando unha gran ambición, atrevemento e sendo machacón até o final. Non se rendeu aínda que iso lle costara algún gol á contra. Perder contra o Real Madrid entra nos planes da case calquera equipo de Primeira división, pero o Celta non lle regalou a victoria, fíxolle traballar e regaloulle ao espectador un gran espectáculo de fútbol dos que xa empezan a escasear a estas alturas da tempada. Moitos equipos, chegados este punto, xa coa salvación na man, simplemente se deixan ir, convertindo os partidos de fútbol en auténticos pesadelos para o espectador nos que nunca pasa nada. Escoitaba o outro día a rolda de prensa de David Moyes despois do partido da Real Sociedad fronte ao Villarreal na que dicía que el non entendía por qué moitos equipo simplemente non competían ao 100% ou incluso ao 80% chegado este momento ao verse salvados. Apuntaba o escocés que na Premier a competición segue intacta até o último día de competición porque os equipos reciben unha cantidade de cartos segundo o posto no que finalizan na táboa. É dicir, que non dá igual quedar noveno que undecimo. Así, a competición enriquécese e o espectador ten algún motivo para seguir indo ao estadio até final de ano. Equipos como a propia Real Sociedad, o Getafe, o Villarreal e incluso o Rayo ou o Celta están confortablemente salvados pero por que renunciar a máis? Se o entrenador do Córdoba cre que aínda teñen posibilidades de salvarse, quen somos nós para pensar que non podemos ir a Europa?

O Malaga é un rival directo para os nosos soños europeos e todo pasa por gañar hoxe mércores en Balaídos

O Celta ten perfectamente abertas as portas da competición europea e a sétima praza ben cerquiña. De feito a porta europea non está nin sequeira medio pechada. É difícil? Moito. Temos tempo? Temos. Neste momento o Celta é o noveno con 42 puntos, a catro do Athletic que é oitavo e a cinco do Málaga que é sétimo. As posibilidades reais de ir a Europa pasan por este partido, máis tendo en conta que o Athletic xoga contra a Real Sociedade no derbi vasco e aí pode pasar de todo. O Malaga é un rival directo para os nosos soños europeos e todo pasa por gañar hoxe mércores en Balaídos. Só a vitoria do Athletic na final da Copa evitaría que o sétimo clasificado xogase en Europa o ano que vén. O Celta non debe distraerse nin relaxarse ao verse salvado. Temos o equipo en perfecto estado de forma para pelexar até o final polo soño de voltar a Europa case dez anos depois.

Comentarios