Opinión

Álex López, a nova superstar do Celta


A ecuación é sinxela. Se Álex López está no campo, o Celta está no campo.


A ecuación é sinxela. Se Álex López está no campo, o Celta está no campo. O equipo vigués xoga ao ritmo dos seus mediocampistas e especialmente ao ritmo de Álex López. No partido contra o Sevilla, o de Narón, xunto con Augusto, aportoulle á dianteira celeste unha dose altísima de dinamismo na aposta ofensiva do equipo. Tras as semanas titubeantes do comezo de liga, Luis Enrique semella que atopou a chave do equipo. Cando o xixonés entende que ese equilibro ten que pasar por un Álex López máis ofensivo e máis presente na segunda liña, o Celta é outro equipo no terreo de xogo moito máis coordinado e concentrado.

Con Álex, Oubiña e Augusto xuntos na medular, o Celta viviu en Sevilla os mellores momentos do equipo

A figura de Álex López, sendo, a día de hoxe e por méritos propios, fundamental no equipo, non xorde revestida de estrela do equipo. É, pola contra, un obreiro nato, que non desfalece á hora de buscar opcións que faciliten o traballo dos seus compañeiros na área rival. Con Álex, Oubiña e Augusto xuntos na medular, o Celta viviu en Sevilla os mellores momentos do equipo. Neses minutos, os celtiñas contaron con maiores opcións de gol e o equipo apareceu máis cómodo sobre o terreo de xogo, deixando practicamente sen opcións a un Sevilla que só na segunda parte foi quen de chegar con perigo á área celeste.

O gol, regalo do meta sevillista Beto que Álex soubo aproveitar, veu redondear a súa gran noite. Xa é o pichichi do equipo empatado a goles con Charles. O sábado contra o Rayo Vallecano veremos se Luis Enrique segue a apostar por este once e queda en Balaídos a primeira vitoria da tempada.

Comentarios