Opinión

Acabouse o tempo da especulación para o Celta

O partido contra o Rayo Vallecano é destes para esquecer.

O partido contra o Rayo Vallecano é destes para esquecer. E non tanto polo xogo ou pola (mala) actitude que segundo algúns afeccionados tivo o equipo na meirande parte do encontro, senon porque non hai tempo para laiarse e lamber as feridas. Hai que se levantar como a Ave Fénix, máis fortes ca nunca porque os próximos catro encontros  van ser cruciais. Non pretendo caer no catastrofismo, pero o certo é que o Celta está a piques de entrar no tempo de desconto e debe certificar canto antes as intencións de quedar en primeira. Poucos, pero aínda quedan minutos, exactamente 540 regulamentarios, 6 encontros, tres deles contra rivais directísimos na loita por quedar en primeira: Almeria, Valladolid e Osasuna. O próximo encontro contra a Real Sociedad na casa sería o momento perfecto para conseguir os ansiados 39 puntos. Deste xeito recibiríamos ao Real Madrid en Balaídos sen a presión de xogar contra un equipo que pode que a esas alturas aínda teña posibilidades de gañar a liga. A pesar de que eses 39 puntos pode que non sexan suficientes para a permanencia, o certo é que semellan unha barreira psicolóxica a bater canto antes.

O que está claro é que desta volta Paco Jémez foi quen de planificar mellor o partido que Luis Enrique.

Eu non vexo o equipo sen actitude como se empeñan algúns en sinalar. O que se viu en Vallecas foi a un equipo mellor e ese foi o Rayo, que ten a fortuna de cara e ao que lle saía todo. Aproveitou cada erro celeste e ao final foi mellor no cómputo global do partido. Tampouco Yoel tivo o seu mellor día, pero sería inxusto botarlle a el toda a culpa dos goles. O que está claro é que desta volta Paco Jémez foi quen de planificar mellor o partido que Luis Enrique. A ausencia de Oubiña na medular obriga o xixonés a facer cambios no once e a reposicionar xogadores que semellan non sentirse tan cómodos nas novas tarefas asignadas. Non foi nin de lonxe o mellor partido de Orellana, desaparecido case todo o encontro. Rafinha tampouco brillou como de costume e Charles, ademais dos tres goles, levou de regalo de consolación un cobadazo imperdoable que lle deixou o nariz esnaquizado. Un xesto absolutamente gratuíto de Rat que puxo a guinda final a un partido para borrar rápido da memoria colectiva e centrarse xa na Real Sociedad.

Mención aparte merecen os afeccionados celestes que viaxaron a Vallecas e que unha volta máis amosaron que son unha peza chave do equipo. Pese a que todo estaba xa perdido, nos últimos minutos do encontro non deixaron de animar e mandarlle folgos aos xogadores. Esa é a actitude que fai gañar partidos. E esa é a actitude que nos vai deixar en primeira un ano máis. Seguro.

Comentarios