Opinión

50 minutos de recreo

O Eibar foi para o Celta un deses partidos que hai que xogar e nos que o resultado, non debería ter moita incidencia na tempada ou no momento anímico do equipo. Ben, visto o visto onte en Balaídos eu diría que si e non.

Si, por suposto, porque pouco importa perder un partido máis nunha liga na que xa non haberá a preocupación de desconectarse e baixar a Segunda porque o equipo está salvando e pensando en retos maiores. O Genk o xoves é a única preocupación de equipo e afección.

E, por outra banda, eu diría que certas derrotas son perigosas e poden ter no equipo un efecto ben negativo. Hai maneiras de perder e até o mínuto 50 do partido o Celta estaba perdendo un partido malo, moi malo, sen intensidade, sen ideas, sen referencias no terreo de xogo, sen nada. E iso é preocupante polas malas sensacións que unha derrota pode deixar nun equipo que o xoves ten que gañar si ou si. Certo é que o Celta era bastante irrecoñecible, mesmo para os xogadores dentro do campo. Pablo Hernández non atopaba á súa parella de baile e decidiu desaparecer do partido, Sergi Gómez e Fontas semellaban non saber que tiña que defender cada un, Sisto buscaba a un Aspas que non estaba e Señé simplemente descartouse. E se a iso sumámoslle a desgraza da lesión de Rossi pois, o final tráxico na historia era xa máis que evidente.

Certo é que o Celta era bastante irrecoñecible, mesmo para os xogadores dentro do campo

Perder contra o Eibar pode entrar nos plans, saír de Balaídos humillado polo Eibar, non. E menos na previa do partido ante o xoves. E Berizzo que, coma case todos, vía o que pasaba no terreo de xogo meteu a Radoja e Aspas e o equipo viu a luz. Sisto foi máis bo e Jozabed, que era o único salvable do equipo, deu un paso adiante. A partir dese intre o Celta foi recoñecible, Aspas revolucionou o equipo, empurrouno cara adiante e o Eibar deu un paso para atrás para defender un acoso continuo de Aspas & cía. O Celta non gañou, pero intentouno, dous balóns ao pao e outras boas occasións para meterlle o medo no corpo ao Eibar e deixar no terreo de xogo boas sensacións, despois dunha primeira parte para esquecer.

O Celta deu un paso adiante e inventou, vimos no terreo de xogo o equipo loitador que queremos ver e, sobre todo, marchamos para a casa coa sensación de que con esa intensidade si se pode pensar no partido do xoves con garantías. O Genk é a única preocupación, certo. A única, pero é importante que as malas sensacións non afoguen o equipo.

Comentarios