Opinión

 A 'pizarra' e o 'Tucu' traen de volta o Celta

O resultado fronte ao Eibar é revelador de moitas cousas. A primeira, nunca vin nos últimos anos un equipo do Celta ser tan 'letal' nas xogadas de estratexia. Nin nos mellores soños do partido pensaría que o Celta ía ser quen de meterlle ao Eibar tres goles en xogadas a balón parado, sendo ese un dos puntos máis fortes do equipo eibarrés. O gañador do partido aos puntos foi o Celta, pero, sen dúbida, o gañador moral foi Unzué, que lle gañou a batalla estratéxica a un dos adestradores máis disciplinados da Primeira División. Pero Unzué non só gañou no plan do partido, gañou na imaxe do equipo. O balón é innegocible, si, pero, alén do máis, o Celta soubo entender que en Ipurua, o que dubida, perde. E o Celta sabeo ben despois do desastroso partido do ano pasado. Este resultado non é, como poden pensar algúns, froito das casualidades. Nin me parece tampouco, como lin polas redes sociais, que o Celta fixera un mal partido. Fixo o partido que correspondía fronte a un rival rochoso. E fíxoo dándolle onde máis lle doe. Como digo, as casualidades non existen. Unzué foi, durante a súa etapa como segundo de Luis Enrique, o dono da 'pizarra' culé e como remarcou na súa chegada a Vigo, a estratexia sería unha parte importante do xogo do equipo. Pois ben, os resultados chegaron, e son inmellorables. O traballo dun equipo de fútbol non se se reduce aos 90 minutos no terreo de xogo, o traballo durante a semana antóllase fundamental para ler encontros como o de Ipurua. Agardemos que non sexa un espellismo e a estratexia siga dando moitos momentos de ledicia.

Unzué foi, durante a súa etapa como segundo de Luis Enrique, o dono da 'pizarra' culé e como remarcou na súa chegada a Vigo, a estratexia sería unha parte importante do xogo do equipo

Ademais da estratexia, a segunda e gran nova do encontro foi a confirmación do retorno do 'Tucu', don Pablo Hernandez merece un apartado propio neste encontro. O Celta é diferencte con el no campo, mais batallador, máis directo, máis forte. O domingo fronte ao Eibar foi o mellor, o líder do equipo e o home a bater polo Eibar, que o 'plancou' até a extenuidade. O terceiro gol é a recompensa ao seu magnifíco encontro no que foi o dono do medio campo e no que non deu un balón por perdido. O Celta precisa do seu liderado no terreo de xogo, é o gran capitán na sombra, o que manexa os fíos e de seguro que chegou para quedar. Que o equipo comece a 'carburar' chega da man dos seus grandes encontros fronte ao Eibar e o xoves pasado fronte ao Getafe.

Por último, o Celta amosou o domingo a súa mellor imaxe de 'equipo'. Loitou xunto e entendeuse á perfección no terreo de xogo e, a pesar dos fallos, que si, hóuboos, o Celta amosou a súa imaxe máis solida até o de agora. E iso congratúlame porque eu si creo neste proxecto e no labor de Unzué. Creo no futuro do equipo con paciencia e sen caer no catastrofismo, nin hai présa nin razóns para botar as mans á cabeza con desesperación. A meta deste ano non debe ser un pesadelo. É tempo de construír e deixar de mirar ao pasado como quen mira un soño innacesíbel.  

Comentarios