martes 30/11/21

Xornalistas fronte ficcións

Hai algún tempo, as compañeiras de Pikara Magazine informaban de que en La Rioja ningunha muller pode abortar. A estraña condición de “obxección de conciencia” permite a todo o persoal médico desta comunidade autónoma negarse a practicar abortos que a lei permite.

Resulta chocante considerar que unha profesión como a médica poida ter este tipo de prerrogativa, cando non se practica a “obxección de conciencia” ante formas de violencia obstétrica, no trato indigno ás persoas trans e non binarias, na ignorancia absoluta sobre a diversidade dos corpos, na xinecoloxía que non inclúe coñecementos sobre persoas que non practicamos a heterosexualidade. Mesmo se un delirio coma este se permite (e se obxectan a facer transfusións, a tocar certos órganos, a tratar certo tipo de pacientes? Isto tamén pode admitirse como profesional?), en ningún caso pode atentar contra os dereitos consignados nas leis. Se todo o persoal médico dunha comunidade autónoma “obxecta”, entón as autoridades terán que buscar médicas que garantan o servizo.

Unha situación tan lamentable como grave á que cómpre engadir as denuncias que neste mesmo diario facía no mes de xuño a xornalista Lucía Rodríguez en canto ás dificultades para abortar na sanidade pública galega, tema que retomou recentemente a parlamentaria Olalla Rodil, sinalando un 70% de abortos que se fan na privada onde, parece, cartos mediante, a xente non obxecta tanto.

A semana pasada a xornalista María Piñeiro constataba que en toda a provincia de Lugo ningunha muller pode abortar. O que semellaba unha rareza acabámolo tendo a carón da casa. Ademais, ela mesma indicaba o complicado que lle fora obter información (como exemplo: en Lugo non constan abortos porque as mulleres teñen que abortar noutra provincia). Tamén chama a atención que ningunha instancia médica fose quen de dar a cara para, se tanto lles gusta obxectar, polo menos dicilo publicamente e con nomes e apelidos. Sería, como mínimo, o xusto.

Como xusto é tamén comezar polo principio e recoñecer o esforzo destas xornalistas e outras á hora de destapar o que non quere verse. Estas dúas noticias e o traballo que as soporta son fundamentais para desenmascarar unha situación de violencia institucional da que ninguén quere falar. E destapar é o inicio de mobilizar e de poñer remedio. Porque un dereito só está garantido cando hai as vías para exercelo. O resto son ficcións.

Xornalistas fronte ficcións
comentarios