Opinión

Violencia sobre violencia

Para as persoas que vivimos no día a día o traballo contra a violencia de xénero, o xuízo entre Amber Heard e Johnny Depp, malia a súa distancia xeográfica e cultural, non é sorprendente. Como ben comentaba xa Iria Vázquez Silva no seu libro Cómplices, unha das estratexias máis habituais dos agresores é o ataque xudicial que moitas vítimas non poden permitirse por cuestións económicas e emocionais. Este busca, ademais, desviar a atención totalmente do maltrato e poñela no feito de chamarlle ao home maltratador.

A isto súmase tentar poñer a muller de tola, coma se o maltrato, o acoso sexual e as agresións, non provocasen un desequilibrio emocional moi forte nas mulleres que o padecen e, polo tanto, comportamentos extremos ou "estraños". O que os homes producen en privado aparece aos ollos da sociedade como algo intrínseco da vítima e como un motivo para o descrédito delas e a liberdade deles. Non percibir nada disto forma parte das estruturas sociais da violencia de xénero, sobre todo nas instancias policiais e xudiciais. E aínda por riba, heroes.

Pero non, de heroes non teñen nada. Poñer a vítima de maltratadora e facer campaña sobre "a violencia que se exerce contra os homes" xa é de reviravolta. Se os homes son vítimas de violencia na intimidade é maioritariamente a mans doutros homes e, a maiores, a violencia que unha muller individual poida exercer sobre un home non perpetúa un sistema de opresión que afecta a todos os demais homes. Por iso non toda a violencia é violencia nin "os homes tamén son vítimas de violencia de xénero". O pico de parvadas que escoitamos ao fío deste caso tan mediático daría para un libro de páxinas infinitas que por desgraza se escribe sobre os nosos corpos.

Porque da violencia de xénero sabemos moitas cousas, como que a miúdo as vítimas non levan os agresores a xuízo porque o que queren é vivir en paz. Que as vítimas refugan do sistema xudicial porque saben que a xustiza non está do seu lado. Que o último que lles queda é o dereito a falar. Unha vez fanado este dereito a violencia colle unha dimensión inconmensurable. O problema é que as persoas expertas neste tema rara vez son chamadas aos lugares onde son precisas, co cal o ciclo da violencia non se detén, amplíase. Por iso tamén é máis importante que nunca que todas traballemos para o deter, para o reducir, e para non tomar como trivial o que ten impacto tan forte no imaxinario.

Comentarios