Opinión

Unir a liña de puntos

Unha das funcións máis importantes que sempre considerei que debía exercer a cooperación feminista é a de establecer as liñas de contacto entre as causas e as consecuencias, facer que a cidadanía do norte entenda e actúe sobre as liñas de puntos que nos unen coa cidadanía do sur. Irrítame profundamente o comportamento de medios e outros axentes de presentar certas situacións como saídas do nada, sen dar un contexto detallado e suficiente do que acontece e, sobre todo, sen sinalar responsabilidades e vías de saída que nos impliquen.

Porque cando se observan os feitos de xeito global (no sentido galego e inglés), é evidente que existen conexións estreitas entre o informe do IPPC e o terremoto de Haití, entre as crises migratorias e a guerra de Afganistán, entre o informe, a pobreza e a guerra. Detrás de todas estas cousas están sempre uns intereses económicos que sistematicamente favorecen as mesmas poboacións (si, as nosas, por moito que esteamos mal en moitas cousas) e a certas persoas dentro delas. Establecer as conexións axuda a comprender que agora que as enerxías “verdes” (de fachada) están en camiño se cadra non é tan importante facer un gasoduto que pase por Afganistán. Que a Terra se remexe nos lugares máis fráxiles ambientalmente, tamén por iso os máis valiosos, coma o Caribe, porque xa non aturan máis a presión da nosa contaminación.

Unha parte importante destes problemas é só preocuparnos (no mellor dos casos) das persoas doutros lugares a refachos, cando á prensa lle dá a gana de sacar certos países e temas nos medios. Se houbese unha información constante sobre os lugares e sobre todo unha información que proveña deses lugares (é dicir, producida polas persoas que a viven, coas súas claves e ferramentas), sería moito máis doado atopar as liñas de puntos. 

Estes días falo coa miña amiga e activista haitiana Caridade Valcourt, que acaba de perder a parte da súa familia en Les Cayes. Ela é unha das participantes no proxecto Sementae, que botaremos a andar en setembro co obxectivo de traducir textos de pensamento feminista entre linguas non hexemónicas. Porque cando preguntan para que serven as linguas coma o galego e outras non hexemónicas a miúdo se esquece que nelas temos as claves para comprender e trazar as liñas de puntos, para actuar sobre as repercusións claras dos nosos actos nas nosas outras. Para axudar na emerxencia sen esquecer as súas orixes.

Comentarios