Opinión

Unha vez máis

Hai moitos anos que no Feminario da Universidade de Vigo, coordinado por Belén Martín Lucas, tiven a sorte de escoitar por primeira vez a Nazanin Armanian, a politóloga e experta iraniana asilada en España dende o ano 1983. Dende ese primeiro contacto tiven claras dúas cousas: que as mulleres levan movendo as revoltas no privado e no público en Irán dende que unha ditadura (non "o Islam") lles arrebatou os seus dereitos e que Irán é un país de enorme complexidade en canto a pobos, linguas e tradicións (ningunha delas "árabe", por certo), berce da primeira declaración de dereitos humanos e da rica cultura persa que chegou a tantos lugares do mundo.

Estes últimos días recorro a Armanian e outras autoras para tirar sentido do que acontece no país e non é o meu lugar explicalo porque son elas as que deben ter a palabra e ás que tantas veces atopo ausentes dos medios de comunicación. As imaxes coloniais, a islamofobia, o machismo e a representación nociva das nosas outras para beneficio propio (porque do Mundial de Qatar e do petróleo saudí se cadra falamos outro día) arrasa en accións, sobre todo naquelas que parecen benévolas.

Estes días recordo o paradigma daquela famosa campaña de Emma Bonino e a súa flor para as mulleres afgás das que ninguén antes oíra falar e das que pouco se falou despois. De súpeto cumpría botar a ollada a un lugar que logo sería invadido polos Estados Unidos. "Salvar as mulleres afgás" formaba parte do discurso da invasión colonial dun xeito claro, mais inadvertido.

Estes días lembrei todo isto ao fío da campaña das actrices que cortan unha guedella de cabelo en "solidariedade" coas mulleres iranianas. Ignoro de onde partiu a iniciativa, mais dubido que das propias iranianas (eu polo menos non lin ningún chamamento en ningunha das redes de activistas). Estas accións non solicitadas e de "rostros coñecidos" sempre me provocan malestar. Parten da superficialidade máis absoluta e entran en contradición coas raíces da opresión das mulleres ás que se supón que se quere apoiar. Porque se as iranianas se rebelan contra o control dos seus corpos polo estado, se cadra o acto de maior rebeldía que poden facer estas mulleres famosas (e nós todas) é deixar de seguir os patróns que se impoñen aos corpos das mulleres tamén, mesmo se é por outras vías, na nosa sociedade e usar a voz para dirixir a ollada pública ás que deben ser escoitadas e que, vaites!, non son elas.

Comentarios