Opinión

Unha vez ao mes

O meu último libro, Bárbaras, trata como fío condutor a menstruación para falar de corpos e diversidade. Para escribilo tiven que tirar dos fíos da miña propia experiencia como muller branca cis non heterosexual de máis de corenta anos que menstrúa dende os trece e de moitos libros escritos por feministas diversas. Despois de todo isto, boteime a falar. Por desgraza, non só unha vez ao mes temos que aturar falabaratos a homExplicarnos algo, desta volta a regra, para a que seica recomendan un ibuprofeno.

Para empezar, a regra non é unha enfermidade. De feito, un dos problemas co que nos atopamos as mulleres e disidentes de xénero é a patoloxización por parte das instancias médicas de procesos orgánicos ou diversidade dos corpos. O sistema médico patriarcal encárgase de, sen facer a máis mínima proba, receitar hormonas a mulleres que teñen dende miomas a endometriose, pelo de máis onde "non cómpre" e xa non digo nada do trato ás persoas trans. É máis doado dar unha pílula que tratar a aquelas que o androcentrismo marca como raras e outras con dignidade e seriedade médica. Asumir que a regra é unha enfermidade, que doe, é tan absurdo como se asumísemos que ter dor de estómago cada vez que se come é algo que hai que "aceptar" como "normal". Esta situación de partida é a que leva a que as mulleres e disidentes teñamos que aturar situacións patolóxicas reais coma se fosen parte connatural de ter a regra. Por exemplo, como ben saben en QuerEndo, a endometriose é unha enfermidade grave e que, ao tardar tanto en diagnosticarse, obriga as mulleres a seguir traballando sen que ninguén preste atención porque "están coa regra".

A proposta do goberno español de dar tres días de baixa por menstruación incapacitante non é máis ca unha visibilización desta situación e unha corrección do silenciamento e desleixo por parte dos estamentos médicos que leva a que non se investigue nin se trate, mesmo nin se tolere, que hai mulleres que padecen cada mes. A iso engadamos que as mulleres somos socializadas para padecer e calar.

Unha lei que corrixe aldraxes coma esta, sen esquecer a do IVE dos produtos de hixiene menstrual ou o agravio de as menores non poderen decidir sobre unha intervención médica como o aborto e si sobre calquera outra non debería ser máis que benvida por toda a sociedade. Menos polos misóxinos de sempre, que eses si que veñen con máis regularidade que calquera menstruación.

Comentarios