Opinión

Une e vencerás

O poder, dende sempre, teno claro. Xa o sabían os gregos e logo popularizárono os romanos: divide e vencerás. Canto máis desconectadas e enfrontadas estean as persoas, os movementos, as ideas, as rebelións, máis doado é manter a xente oprimida.

Esta é unha verdade que se traslada a todos os aspectos da nosa vida, co engadido actual do capitalismo da velocidade e do consumo, da ausencia de dereitos laborais, da desatención do coidado... co cal a xente bota a vida " apagando lumes"  localmente para así ter menos tempo para o colectivo, para as conexións.

Co discurso dobre habitual de por unha banda violencia e pola outra sedución, no medio da división, o poder usa agora o concepto do " global" nas vagas de lavado verde ao fío do cambio climático. Mais o "global" non é nada senón unha sucesión de eventos dos que se benefician uns poucos. Mesmo o antigo slogan ecoloxista (branco occidental) de "pensa globalmente, actúa localmente" deixa de convencer ao indicar implicitamente que a xente que se mobiliza contra os eólicos na súa aldea non está conectada a algo máis "transcendente". Non é estar conectada á terra, ao lugar e á cultura propia estar conectadas ao planeta do xeito máis significativo posible?

Estes días contemplo atónita a resurrección dun plan atroz en Lugo (a chamada Rolda Leste) que, pasando por enriba doutras alternativas, pretende destruír as incribles carballeiras que rodean a cidade e o paseo que se recuperou ao longo do río Rato. Contra estas ignominias, a terra non atopa outra voz ca a dos humanos contra os humanos.

Para min, a contorna do Rato é un espazo que me leva acompañando toda a vida, pois pasa por detrás da miña casa familiar, primeiro coma un regato infesto e agora para ser o lugar que, cando morreu miña mai, me deu o consolo e a paz que precisaba. Cada vez que estou en Lugo saio correr ao carón do río para atopar sentido ao momento, para respirar na dor da ausencia.

A natureza precisa cada día que nos ergamos e nos opoñamos a cada agresión. Precisa que sigamos o seu exemplo e nos fagamos semente organizada de árbores que se erguen en contra do formigón e dos intereses económicos duns poucos. Por iso é a nosa obriga, que asumo como propia, aglutinar persoas para paralizar proxectos coma este, como se paralizaron outros. Sempre vixiantes, unidas. Porque fronte ao divide e vencerás nós, en Lugo e no resto de Galicia, temos que exercer o une e vencerás.

Comentarios