Opinión

Un himno vivo

Un novo himno percorre os feminismos: “Un violador no teu camiño”, a performance que iniciaron Las Tesis en Chile, aumenta cada día o seu eco. Por unha vez, a axenda política e emocional dos feminismos a nivel mundial non a marca un evento acontecido nos Estados Unidos ou en Europa, senón nun país do cono Sur, conmocionado polas protestas cidadás ante un goberno abusivo e explotador.

As protestas, que se iniciaron pola suba do prezo do metro, desencadearon non só unha represión brutal, senón sobre todo a resistencia cidadá coas súas heroínas: Baila Pikachu, Pareman ou Matapacos. Ademais das bólas de goma que deixaron cegas xa a máis de 200 persoas, a violencia sexual é unha das armas que se utiliza, para non variar, na represión dunha masa de mulleres activa e imparable.

As forzas do estado, tanto en Chile como no resto do mundo, son un dos elementos máis agresivos contra os corpos das mulleres e disidentes sexuais. Seguramente por isto, “Un violador no teu camiño” ecoa en todos os recunchos do mundo, dende Vigo a Nairobi.

A performance vaise adaptando a cada lingua, é un ser vivo pronunciado en galego (“Non somos presas, para manadas, somos mulleres empoderadas. As violadas non están soas, tocan a unha saímos todas”), en quechua, en hindi, en tagalo. Amosa así, non só a prevalenza do problema, senón a capacidade dos feminismos para mobilizarnos, para organizarnos, para usar a arte para a transformación. Porque coordinar eses pasos e letra, por simples que parezan, entre moitos corpos, non é sinxelo.

En todos os lugares, tamén, as bochas patriarcais. En Galicia chamáronnos cochas, en Istambul varias participantes recibiron condenas de cárcere, feito que protestaron as parlamentarias repetindo a canción no hemiciclo, protexidas pola inmunidade da que gozan. Entrementres, os homes ofendidos, no canto de interpelados. Porque se sinala que violan. Porque non poden participar na performance. Ofendidos por calquera cousa con tal de non deterse a escoitar, reflexionar, cambiar, intervir entre os do seu xénero. Iso xa é pedir moito.

Aí atrás, alguén preguntaba a Las Tesis por que os homes non podían participar na performance. Elas contestaban con claridade: os homes xa teñen todos os espazos. Este é noso, das mulleres e disidentes de xénero. E por aí comeza todo. Por resituar, redefinir, resignificar os espazos e os corpos. Para que, en ningún espazo, o violador sexas ti.

Comentarios