Opinión

Tronada

Hai un dito popular que di que cómpre non lembrarse de Santa Bárbara só cando trona. Sen dúbida, o trono é un fenómeno que semella espontáneo, mais non é. Cúmprelle un ambiente húmido e eléctrico que se vai forxando co tempo. O mesmiño que acontece estes días coa folga do transporte e o incesante malestar do rural. Non son cousas novas, mais son cousa que, despois da pandemia, provocan a tronada interior de quen teña un mínimo sentido da xustiza.

Escoitando algunhas opinións e reaccións á folga de transporte, semella que para unha parte desa poboación que se denomina "consumidora", as cousas funcionan soas. Lémbranme a cando os señores sentan na mesa e asumen que a comida a fixeron mans invisibles, que é un traballo menor e que fai calquera (menos eles). Pois non. A nosa sociedade funciona grazas a moitas mans invisibles, coma a auga e a electricidade no ambiente. Persoas que fan traballos mal pagos, en condicións laborais nada positivas. Dedicarse a conducir un camión é duro, xa non digo nada se es unha muller nun mundo cheo de homes. Dedicarse a producir alimento, o labor máis importante que calquera ser humano pode realizar, acaba sendo un afogo de poucos cartos, moito sacrificio e maiores dependencias.

Como autónoma que son, penso no complexo de facer unha folga para calquera que non teña un salario. Para unha autónoma como son a maioría de camioneiros, non facer unha viaxe significa non cobrar. Se se chegou a esta situación é porque as condicións laborais son imposibles de manter. Agora que a tronada está aquí, haberá quen tente tirar escuro partido político. E para que iso non aconteza, as que estamos na parte do consumo debemos contribuír. É a nosa función deixar de laiarnos porque no súper non hai non sei que cousa ou porque non chegan os nosos pedidos e comprender que, como coa Santa, cómpre lembrar en cada momento o que hai detrás de cada obxecto, cada alimento e cada cousa que consumimos. Que consumir menos é a chave de todo e que poñernos do lado de quen quere unhas condicións de traballo xustas é para o ben común. Debemos traballar para que uns poucos deixen de ter os petos gordos para que moitxs poidan ter unha vida digna, algo que só se fai des_consumindo, como cidadás que cuestionan e que apoian a quen está poñendo en xogo o seu sustento para que nós poidamos, mirade que cousa menor, comer. Vivir. Algo que cómpre non esquecer antes, durante e despois da tronada.

Comentarios