Opinión

Tradición

Se hai unha palabra que dende sempre me produce desconfianza é “tradición”. Como moi ben ten explicado Mercedes Peón ao fío da danza e da música de creación colectiva, “tradición” é a maneira en que moitas veces se xustifican certas visións (de xénero, clase, “raza”) dominantes que, no fondo, nada teñen de “tradicional”. O debate sobre o pasado é fundamental para o presente, de aí a pugna permanente do Franquismo no estado español e a oposición máis ou menos encuberta ás voces diversas das mulleres e disidentes de xénero á hora de construírmos as nosas nacións particulares.

No fondo, as prácticas sabemos que sempre foron moito máis diversas ca a súa interpretación por parte de quen foi construíndo o discurso. Moitas veces estas persoas, no espírito máis colonial da antropoloxía, decidiron que, por exemplo, o feito de certas mulleres viviren fóra da comunidade era debido a que eran “mais solteiras”, coma se non estivese constatado dende polo menos principio de século que na Galicia rural dos microhábitats non había estruturas de posesividade da descendencia nin a xente vivía en “matrimonios” (documentouno un retrógrado e católico empedernido como Risco, así que a cousa debía de ser moi evidente). A práctica non dubidamos de que existise mais, seguramente, quen informou e interpretou axustou o que vía ao marco hexemónico existente e agradable. Tamén, recorrentemente, escoitamos que as persoas LGBT teñen que “deixar o rural” non porque as políticas o releguen a un espazo despoboado e con poucas oportunidades, senón por un suposto “atraso” construído dende esas mesmas políticas e que é evidente grazas a iniciativas coma o Agrocuir que non é exactamente así. Existe LGBTfobia no rural? Por suposto. Máis que nas cidades? Debatible como mínimo.

E no medio de todo isto, cada 1 de novembro (ou 2?) volvemos remexer colectivamente na leria de se o Samaín é “inventado” (mais pouco debatemos que, sexa o que for no pasado, se se recupera é só porque se celebra o Halloween estadounidense), de se existía non sei onde, de se Defuntos son tal día ou outro. Se mesmo para cousas no fondo tan estéticas se pelexa tanto, o que nos queda para os temas de fondo!

Porque se algo hai tradicional non é tanto o Samaín como tentar reducir as interpretacións do pasado a aquelas que son frutíferas para os sistemas dominantes do presente. E con iso coido que xa dixen todo o que me cumpría sobre a “polémica”.

Comentarios