Opinión

Tomar partido

Por algún motivo, dende ben pequena me perturbou a desigualdade e o sufrimento alleo pero se tivese que mencionar un momento que me movese tomar partido de forma contundente serían as imaxes das persoas que fuxían da guerra dos Balcáns. Empezaban os anos 90, eu era unha adolescente cos ollos abertos á que chegaba o sufrimento, mais sobre todo a valentía, das mulleres dos Balcáns, que porían anos máis tarde sobre o tapete a violación como crime de guerra. Aquelas que fuxían ante a indiferenza do resto de Europa e do mundo eran heroínas que marcarían o rumbo da xustiza para todas as mulleres do mundo.

Para min comezaba un longo camiño do que busco con atención a non desviarme, que marca cada xesto da miña vida e que procuro que non cese, só se transforme, co paso dos anos. O mesmo latexar daqueles días foime levando polas acampadas do 0,7, a fundar Implicadas, a unha tsunami, terremotos, conflitos armados, violencias da fame e dos patriarcados múltiples... Fíxome tomar sempre partido polas mulleres que traballan xuntas, que constrúen e que camiñan incesantes e decididas por camiños ben máis complicados ca o meu, branca e con pasaporte occidental, con acceso a innumerables privilexios.

Por todos estes motivos, a destrución estes días dos paneis cos nomes das persoas refuxiadas falecidas instalados como homenaxe e acto de sensibilización pola Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas en Compostela supón unha aldraxe sen par. Nos paneis incluíanse os nomes das "40.555 persoas mortas dende 1993 ata a actualidade por distintas causas, pero todas vinculadas aos procesos de migración e desprazamento". A súa destrución déixame atónita e iracunda. Non sabemos se é un accidente vandálico sen máis ou se, pola contra, responde a unha acción calculada. En calquera caso, é un xesto intolerable nun clima social de pugna polos xestos, de tentar difundir as mensaxes do racismo, da xenofobia, do machismo... do fascismo, en suma, para botar para atrás as liñas que con tanto esforzo como sociedade fomos creando para desfacer a inxustiza e protexer a quen o precisa nun momento concreto. Por iso cada palabra conta, por iso o traballo, a sensibilidade e os xestos son hoxe máis importantes ca nunca. Por iso subo ao taxi dun neonazi e falo galego mentres el cala e pon pasodobres, vestido de camuflaxe e coa bandeira española. Por iso lembro cada día que estamos na vida para tomar partido pola xustiza.

Comentarios