Opinión

Tolos

Tras un asasinato machista adoitamos escoitar a explicación de que os asasinos están tolos. Imaxino que para a sociedade é máis doado iso que afrontar todo o que supón a construción social do xénero. Porén, este argumento paréceme sumamente perigoso. Primeiro, porque semella argumentar que padecer unha enfermidade mental dá licenza para ser asasino de mulleres e, segundo e máis grave aínda, porque se estigmatiza as persoas que padecen enfermidades mentais e que, na súa inmensa maioría, non cometen crimes. Cando o fan, por certo, adoita deberse a falla dun apoio médico e social cada vez máis extremo en tempos de recortes.

Mais o patriarcado non se xustifica por problemas de saúde mental. De feito, este é un dos aspectos nos que a análise feminista resulta máis vizosa. Por unha banda, axuda a entender como as construcións da masculinidade e da feminidade reforzan a aparición de certas patoloxías e a importancia do contexto social e da desigualdade á hora de comprender asuntos médicos. Así, as persoas racializadas, as mulleres ou os grupos oprimidos desenvolven cadros de ansiedade ou depresión que teñen que ver coas súas condicións de vida. Medicalízase o social, o precario, a desigualdade e esa é a mellor maneira de non resolver os problemas de raíz.

Porque se ben é certo que hai persoas con máis tendencia a certas patoloxías ou con configuracións xenéticas diversas, é a interacción co ambiente (a epixenética) e a conceptualización social as que fan que se manifesten como patoloxías. Así, na interacción co ambiente, unha pode nacer coa mutación BRCA e non desenvolver nunca un cancro. Na interacción co social, unha mutación dun cromosoma enténdese como diversidade humana, por exemplo na trisomía 21.

Buscar a orixe do terrorismo machista nos xenes ou na enfermidade é tan nocivo como presentar a identidade de xénero trans ou a orientación sexual non heterosexual como algo patolóxico. Segundo a explicación que deamos, así serán as medidas que apliquemos. Explicar a violencia dende a conformación do poder que a estrutura de xénero patriarcal determina axuda a presentar solucións eficientes ao problema. Porque non, as persoas con enfermidades mentais non son por padecelas nin machistas nin asasinas. Abonda de xustificar o inxustificable. Designar de tolos os asasinos é simplemente unha escusa máis para non interrogar a corresponsabilidade de todas e todos na violencia que acontece cada día.

Comentarios