Opinión

Ante todo, ser feliz

Durante a enxurrada de opinións destes días sobre a cuestión dos ventres de alugueiro, creo que unha das que máis me fascina é a de que o “amor” e a “felicidade” están por enriba de todo. Non vou entrar a analizar aspectos moito máis obvios deste asunto que revive de cando en vez deste lado do mundo e que se mantén vivo nos corpos das nosas outras mediante os patriarcados múltiples dos que falaba Kumkum Sangari. Como ben argumenta esta autora, o patriarcado non é un, senón moitos que se reforzan. Por exemplo, o patriarcado indio postcolonial alíase co occidental capitalista ao traducir a visión do primeiro dos corpos das mulleres como propiedades familiares aos intereses do segundo na venda de produtos. Cando as nosas compañeiras da organización támil PDI traballan no Programa de Erradicación do Infanticidio Feminino que apoiamos dende Implicadas no distrito de Salem para que non sexa a familia a que decida se e cantas veces unha muller debe pasar por un embarazo e parir ata que chegue o desexado varón, traballan indirectamente tamén contra o marco capitalista patriarcal occidental. Cómpre que nós turremos deste lado no mesmo sentido.

Para alén destas consideracións, quero centrarme agora na idea da felicidade e do amor en tempos de capitalismo voraz. A teórica Sara Ahmed (a quen me gustaría traducir algún día ao galego) analizou ben que significa esa felicidade e como se supón que é un fin lícito para certas identidades e corpos. Ela fala en concreto de como se presentan as identidades queer como identidades infelices, como socialmente se pensa que ser queer conduce inevitablemente ao padecemento e como son precisamente esas vidas as que mellor posicionadas están para cuestionar o propio concepto da felicidade. O mesmo acontece coas reflexións sobre o amor que fai Lann Hörnscheidt en Desamarmos o capitalismo, ese libro que non me canso de recomendar. Porque o que está claro é que mentres pensemos que por amor todo o feito está ben, ou que a (miña) felicidade todo o xustifica estaremos ignorando que eses dous conceptos non poden construírse nunca dende o individual. Así, a miña felicidade non pode xustificar o abuso de poder sobre outras persoas. A dimensión colectiva e política ten que interrogar as violencias que os termos agochan porque dende unha ética feminista non hai felicidade sen xustiza. E esta endexamais se constrúe sobre os corpos das máis vulnerables.

Comentarios