Opinión

Todo menos a sorpresa

Acabamos de celebrar o Orgullo e hai quen pregunta por que. Nosoutrxs sabemos que a cousa non vai de consignas baleiras, de “tanto ten a quen ames”, de lavados rosa. Vai de indicar unha e outra vez que somos persoas con dereitos, que queremos vivir sen a ameaza permanente da violencia en todas as súas formas, dende a epistémica ata aquela que asasina.

Acabamos de celebrar o Orgullo tamén porque parece que hai unha gran parte da poboación á que lle pasan desapercibidas as situacións que como pingueira van aumentando o espazo de poder dos violentos: vandalización dos bancos co arco da vella, “maricón” escrito no muro dun colexio para insultar un profesor, malleiras a dous compañeiros gais na Coruña, intento de agresión a unha compañeira trans en Santiago, agresión homófoba a un mozo en Vilagarcía... Estou falando do último mes. Estas accións están cultivadas a lume lento na indiferenza das autoridades e na entrada no debate público, baixo un pseudo argumento de “liberdade de expresión”, de discursos do odio. Semella que non aprendemos nada da propaganda Nazi, do franquismo, do xenocidio de Ruanda. Semella que non entendemos que deixar circular certas ideas no espazo público é o que desata a violencia que xa latexa.

E non falo aquí só dos partidos fascistas, senón tamén da xente que pensa que esta leria non vai con ela, que mira para outro lado, que non se mobiliza cando presencia unha agresión verbal, un comentario deses triviais que son de todo menos irrelevantes, un momento do día a día que vai pingando e facendo cada vez unha poza máis grande na que afogamos nós, as inadaptadxs como reza o título do volume publicado por Daniel Amarelo en Através.

Falamos a miúdo (facíano Eva Mejuto e Daniela Ferrandez hai nada no Orgullo de Vigo) de recuperar a nosa historia. Mais poucas veces falamos de que esta non estaría perdida se quen ostenta a hexemonía se molestase en considerar que é a nosa experiencia individual e colectiva a que nos dá coñecemento, a experiencia dos nosos corpos nas rúas, fogares e traballos. É dende ese coñecemento que clamamos xustiza polo asasinato de Samuel Luiz. Porque a reacción de quen se sorprende, refuga ou leva as mans á cabeza só indica que non botou nin un minuto en observar o mundo no que vive. E iso, no fondo, é o que impide que toda a sociedade en masa pase á acción, poñendo freo severo e taxativo a calquera discurso de odio no día a día.

Comentarios