Opinión

Teña o meu fol fariña

Hai uns días regresaba a Vigo nun tren no que viaxaba un grupo de xente moza traballadora no sector da cociña e da hostalería. Chamoume a atención o discurso do mozo berralleiro, que avogaba por defender unhas condicións laborais dignas, mais só para el. O resto non lle importaba. Segundo el, se alguén aceptaba condicións peores, era o seu problema. A partir de aí, dedicouse a predicar en contra dos sindicatos.

Uns días máis tarde atopei unha concentración diante do edificio da ONCE en Vigo, en protesta polas condicións laborais que se dan en Ilunion, o centro especial de emprego desta institución. Recollín un dos folletos informativos para ver que acontecía. O feito de que unha institución que recibe cartos públicos e traballa con colectivos especialmente vulnerables en materia de emprego, precarice as condicións laborais é algo que, se ben non me sorprende, non deixa de indignarme sen límites. Cando as funcións que debe desempeñar o estado, como a atención ás persoas con capacidades diversas, pasan a diluírse en institucións privadas, fundacións e demais organizacións, a porta ábrese ao descontrol e a un trato inenarrable para quen debería obter as maiores garantías e as mellores condicións de traballo. Segundo o que comunica a CIG, as 620 persoas que traballan en Ilunion realizan "as mesmas tarefas ca o resto de persoal, sen formación, só cobrando o salario mínimo interprofesional e coa metade dos dereitos".

Dunha esquina a outra de Galicia, as condicións laborais precarias son un fío condutor preocupante. Dende as das gandeiras e gandeiros, as da xente do mar, pasando polas dos sectores servizos, as coidadoras. Ganduxadas a estas malas condicións están tamén a interminable pingueira de protestas, algunhas, coma as das traballadoras das tendas de Inditex, con máis visibilidade e éxito ca outras. Mais, sen dúbida, neste contexto, a mobilización e o apoio cidadán a cada unha delas é fundamental. Só a través de visibilizar e unir seremos quen de transformar o laio nunhas condicións de vida dignas.

E isto é algo que só pode facerse superando a postura que describía ao principio deste artigo. Porque a certeira frase galega: teña o meu fol fariña, ríase a miña veciña non debería aplicarse nunca ás condicións laborais. Porque, como traballadora, cando o teu fol ten fariña, mais o do resto non, o máis probable é que a pouco tempo ti tampouco teñas nin fol nin fariña.

Comentarios