Opinión

Sensacionalismo colonial

Se algo hai que varía pouco nos medios é o tema da representación dos países que están fóra de occidente. Algúns teñen a desgraza de pasar regularmente por un proceso de reificación de todas aquelas imaxes que nos deixou unha nutrida historia de dominio colonial. Os xeitos son ás veces moi sutís e outras moi grosos.

Estes últimos días asistimos a unha nova vaga deste proceso, que é único que explica a atención repentina na India como "gran foco" da pandemia. Por suposto que se pode informar dunha segunda vaga (non imos nós pola cuarta?) en calquera país do mundo, mais por que uns e non outros e, sobre todo, como? Para empezar, intrígame a que intereses responde este foco neste momento, pois nesta altura sabemos que hai países que se viron afectados pouco nunha primeira vaga (Alemaña) e logo moito en sucesivas.

Cal é a novidade? Se ben nestes casos se daban datos contextuais, no caso da India o único contexto é a imaxe colonial de ser un país desastroso e bárbaro (o peor para vivirmos as mulleres, seica, porque o resto deben ser o paraíso e non caemos aínda na conta!), algo que reforza o como se dan esas "informacións": a que veñen esas imaxes da "India" chea de piras funerarias coma se non fosen equivalentes aos nosos cadaleitos? Ou de xente sen acceso a respiradores e osíxeno? Non pasou iso igualmente aquí, en Italia ou Alemaña? As imaxes entón foron ben outras. Semella que a maior distancia de Europa, menores son as esixencias de trato digno das persoas doentes ou falecidas na información. Tamén de rigorosidade informativa. Para iso cumpriría coñecer mellor un país de mil millóns de habitantes onde os gobernos dos estados federais en moitos casos teñen responsabilidades sobre cuestións sanitarias. E aí hai moitas diferenzas.

Sen ir máis lonxe, Támil Nadu, un estado con máis de sesenta millóns de habitantes, non viu un aumento catastrófico da Covid-19. A clave: un sistema de seguimento sanitario ben adestrado grazas ao VIH/SIDA. Ulas expertas locais? As solucións das que aprendermos? Diso non interesa falar. Tampouco de por que as dúas grandes potencias de activismo e produción de xenéricos, Brasil e a India, están neste momento sen poder producir e distribuír á súa poboación. Por que as prácticas das farmacéuticas e de países como Gran Bretaña poñen o lucro antes ca a vida e unhas vidas, como en plena colonización, por riba doutras. Empecemos mellor por aí.

Comentarios