Opinión

Os señores do cigarro

O pasado sábado, no Congreso da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, comecei narrando unha anécdota que conto moitas veces. Como alguén que sempre soubo que quería dedicarse á escrita, cando era pequena estaba profundamente preocupada porque cría que para escribir había que ser un señor, fumar cigarros, tomar café e vivir de noite. Na miña inocencia infantil víame condenada ao fracaso, dado que nin son un señor, nin me gustou nunca fumar, o café e, por enriba de todo, perder de ir para a cama cedo.

Esta anécdota que agora pode provocar un sorriso di moito da imaxe que se tiña socialmente "do escritor" na miña infancia e, por moito que as mulleres fomos avanzando en ocupar espazos, esas ideas seguen moi presentes dun xeito moito máis sibilino e difícil de desentrañar ca un potencial tabaquismo. O xeito en que esa imaxe se reproduce e transforma agora ten máis que ver con ideas do que se considera "literario", do que se considera "digno" e "valioso" como escrita dende unha ollada androcéntrica, cisheteropatriacal e hexemónica.

Resulta mesmo aburrido debullar constantemente ata que punto os xuízos que se realizan sobre as obras parten de nesgos deste tipo, pois sempre saen os machistas habituais a dicir que unha non sabe encaixar unha crítica cando, se cadra, os que non saben encaixar a crítica son eles ante o espello das nosas obras. A mesma actitude atopamos cando tentamos debater os tropos coloniais na literatura galega: alzar a voz contra as estruturas base de calquera violencia sistémica vai sempre unido ao risco de que a tachen a unha de esaxerada, de mexericas e de problemática, no canto de pararse a analizar o efecto da repetición de certos tropos e comportamentos.

Por fortuna, esa ollada vai mudando grazas aos espazos que crean as lectoras e mediadoras da lectura, como este que se deu no fantástico congreso deste sábado pasado en Compostela. Porque o que ignoran estes señores que aínda cren na literatura como cousa de homes moi homes é que as escritoras que avanzamos no traballo coa pulsión da creatividade, da innovación e dos recursos literarios críticos non estamos soas. Mentres eles seguen mordendo o seu cigarro, nosoutras imos dándonos a man con todas aquelas que precisan verse no que escribimos, que teñen a capacidade para recoñecer os mundos compartidos, que fan súas as nosas palabras para sementar nun mundo aínda demasiado cheo de cabichas podres.

Comentarios